Deputación de Ourense INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

O PP boicotea a creación dun centro comarcal de residuos inertes en Monterrei

O PP DÁLLE AS COSTAS ÁS COMARCAS DO SURESTE OURENSÁN VOTANDO EN CONTRA DE IMPULSAR UN CENTRO COMARCAL DE RESIDUOS INERTES NA COMARCA DE MONTERREI

Susana Rodríguez Rodríguez, concelleira en Coles, e Eva Pérez Gamote, alcaldesa de Vilardevós, tomaron posesión como novas deputadas provinciais ao inicio da sesión plenaria

O PP rexeitou a moción socialista para impulsar un centro comarcal de residuos inertes en Monterrei, deixando sen solución un agravio territorial que afecta directamente aos concellos das comarcas de Monterrei, Verín e Viana

Ourense, 27 de febreiro de 2026. O Grupo Provincial Socialista protagonizou hoxe un pleno ordinario na Deputación de Ourense marcado pola renovación da súa composición, a aprobación de dúas iniciativas de fondo calado territorial e o exercicio do control ao goberno da corporación. A sesión arrincou coa toma de posesión de Susana Rodríguez Rodríguez, concelleira en Coles, e Eva Pérez Gamote, alcaldesa de Vilardevós, que prometeron o seu cargo e se sentaron no seu escano como novas deputadas provinciais. Ambas se incorporan ao grupo no ecuador dun mandato no que o Grupo Socialista mantén un perfil activo e de resultados concretos.

Rodríguez Rodríguez substitúe no grupo á concelleira de Amoeiro Susana Rodríguez Estevez e incorpora ao Grupo Socialista o coñecemento directo da realidade municipal da comarca de Ourense. Eva Pérez Gamote, pola súa banda, entra trala renuncia da concelleira do Riós Marina Vaz Quintillán, mantendo así a presenza das comarcas do sureste ourensán na corporación. «É un orgullo poder representar aos veciños e veciñas da provincia desde esta institución», afirmou Rodríguez Rodríguez. Pérez Gamote, pola súa parte, agradeceu o traballo, compromiso e xenerosidade da súa predecesora no posto, subliñando a súa intención de manter a forza reivindicativa a prol da veciñanza da súa comarca.

O PP dálle as costas a Monterrei, Verín e Viana

A primeira moción debatida, relativa á xestión sustentable de residuos inertes na comarca de Monterrei, foi rexeitada polo voto en contra do PP. A iniciativa foi defendida por Eva Pérez Gamote, que estreou así o seu mandato provincial cunha reivindicación de calado para os concellos da zona. A moción instaba á Xunta de Galicia a incluír no Plan de Residuos de Galicia un centro comarcal específico, e reclamaba que a Deputación liderase a coordinación intermunicipal e prestase apoio técnico e económico aos concellos mentres a infraestrutura non se encontrase operativa. O PP, co seu voto en contra, optou por manter o statu quo que condena os operadores e concellos das comarcas de Monterrei, Verín e Viana a trasladar os seus residuos inertes a vertedoiros situados a distancias de entre 80 e 120 km.

«O PP vén de darlle as costas a tres comarcas que levan anos reclamando unha solución xusta e razoable. Votar en contra desta moción é votar a favor do agravio territorial, do encarecemento das obras e dos vertidos ilegais no monte», afirmou o voceiro do Grupo Socialista, Álvaro Vila Araújo. A vaga de incendios do pasado mes de agosto deixara ao descuberto numerosos refugallos agochados en espazos naturais da comarca, evidenciando que o problema se acumulara durante anos pola falta dunha solución de proximidade. «Este voto do PP non é un voto calquera. É un voto contra os veciños e veciñas de Monterrei, Verín e Viana», concluíu Pérez Gamote.