concellos INICIATIVAS

O PSOE de Barbadás impulsa melloras da seguridade viaria na zona escolar e a piscina municipal

O PSDEG-PSOE DE BARBADÁS PIDE A CREACIÓN DUNHA CONTORNA ESCOLAR SEN TRÁFICO NA RÚA DO ENSINO E MELLORAS NAS INSTALACIÓNS DAS PISCINAS MUNICIPAIS E A SÚA CONTORNA

As concelleiras socialistas avogan por iniciativas “construtivas” que prosigan co traballo realizado ao longo dos últimos anos dentro do grupo de goberno, onde foron “clave” para que Barbadás avanzase e lograse importantes investimentos

 “Dende hai varios anos o goberno socialista, moi concienciado coa mobilidade segura no camiño aos colexios, programou diferentes actividades en cada curso escolar, sempre co afán de trasladar ás familias e á sociedade unha mensaxe clara sobre os beneficios de acudir camiñando aos centros de ensino e sobre a importancia de reducir o uso innecesario do coche”, sostén Marga Pérez

Noemí Pintos lembra que o grupo municipal socialista “sempre incluíu na súa folla de ruta a ampliación das piscinas públicas”

Barbadás, 27 de febreiro de 2026. O PSdeG-PSOE de Barbadás vén de presentar dúas mocións para o seu debate na sesión plenaria do vindeiro luns nas que pide a creación dunha contorna escolar sen tráfico na rúa do Ensino e que se implanten melloras nas instalacións das piscinas municipais e que se realice un mantemento idóneo da contornas. As concelleiras socialistas avogan por iniciativas “construtivas” que prosigan co traballo realizado ao longo dos últimos anos dentro do grupo de goberno, onde foron “clave” para que Barbadás avanzase e lograse importantes investimentos.

O grupo municipal socialista prosegue coa súa labor “construtiva” e con iniciativas en “positivo” para mellorar a calidade de vida da veciñanza de Barbadás. Desta vez, as concelleiras socialistas veñen de presentar dúas iniciativas relacionadas coa seguridade viaria na contorna escolar e na mellora dunha infraestrutura de vital importancia para o municipio como é a piscina municipal.

Con respecto a moción para a creación dunha contorna escolar sen tráfico na rúa do Ensino, o PSdeG-PSOE de Barbadás insta ao concello a realización dunha fase piloto, declarando a rúa do Ensino como contorna escolar protexida, con medidas específicas de restrición de tráfico e prioridade peonil sinalizada. De igual maneira tamén piden a creación posterior do modelo rúa escolar sen coches, permitindo unicamente o acceso a servizos de emerxencia, vehículos autorizados e de diferentes servizos públicos e da veciñanza da rúa, ademais de transformar dita rúa nunha plataforma única, coa eliminación da diferenza de cota entre calzada e beirarrúa. Asemade instan a implantar medidas de seguridade complementarias e a desenvolver unha fase piloto de urbanismo táctico.

A concelleira socialista, Marga Pérez Fernández, sinala que a seguridade viaria e a protección da infancia “deben constituír unha prioridade esencial na planificación urbana e na xestión do espazo público, especialmente, nas contornas escolares”. A edil do PSdeG-PSOE lembra que as contornas escolares con tráfico motorizado intenso “incrementan o risco de accidentes, a contaminación atmosférica e acústica, e xeran situacións de perigo nas horas de entrada e saída nos centros educativos”.

Pérez Fernández expón que na rúa do Ensino “concéntranse varios equipamentos públicos de especial sensibilidade, como son o colexio de infantil e primaria CEIP Filomena Dato, con preto de 300 escolares, unha escola infantil municipal a que acoden 90 crianzas, un centro de reunión de persoas maiores, a escola de música municipal, as instalacións do banco solidario e a oficina da policía local”. Neste senso sinala que esta combinación de usos “converte esta zona nun punto de alta vulnerabilidade peonil, especialmente en franxas horarias concretas, onde coinciden menores, familias, persoas municipal, maiores e veciños e veciñas que viven na rúa”.

“Dende hai varios anos o goberno socialista, moi concienciado coa mobilidade segura no camiño aos colexios, programou diferentes actividades en cada curso escolar, sempre co afán de trasladar ás familias e á sociedade unha mensaxe clara sobre os beneficios de acudir camiñando aos centros de ensino e sobre a importancia de reducir o uso innecesario do coche”, sostén Marga Pérez. A concelleira socialista apunta tamén que “temos que seguir traballando neste senso e por este motivo presentamos esta moción en positivo, para que Barbadás siga avanzando en materia de seguridade viaria”.

Mellora nas instalacións das piscinas municipais

En relación a moción para implantar melloras nas instalacións das piscinas municipais e para un mantemento idóneo da contorna, o PSdeG-PSOE de Barbadás avoga por efectuar un mantemento xeral do céspede e tratar especialmente as zonas con ausencia de herba natural; que se substitúa as depuradoras actuais por outras máquinas de unha maior potencia; que se adapten as instalacións para persoas con mobilidade reducida, promovendo así a instalación dunha cadeira específica para persoas con diversidade funcional; revisar en profundidade a instalación eléctrica e instalar unha varanda de seguridade na marxe esquerda das escaleiras laterais de acceso á piscina.

A concelleira socialista, Noemí Pintos Fondevila, explica que unha piscina municipal ten como obxectivo principal “proporcionar un espazo público de lecer, que fomente a saúde física e mental e que facilite a cohesión social e de recreo para a toda a veciñanza”. Neste senso a edil subliña que “somos conscientes da situación da piscina municipal de Barbadás e sabedoras que esta instalación ten moitas necesidade e algunha carencia, a principal é que a día de hoxe para polas súas dimensións”.

Pintos Fondevila lembra que o grupo municipal socialista “sempre incluíu na súa folla de ruta a ampliación das piscinas públicas” e pon o foco en que “a parte teórica está clara, coa limitación de que levalo á práctica non é doado, sabendo que é preciso modificar o PXOM”. Neste senso tamén apunta que “somos conscientes de que é preciso o financiamento de outras administracións para levar a cabo melloras estruturais, tal e como se fixo en concellos como o de Pereiro, con notables modificacións na oferta ás persoas usuarias do parque acuático de Monterrei, sufragadas por Xunta e Deputación”.

“Solicitamos ao grupo de goberno que continúe con esta liña de traballo para converter Barbadás nun lugar atractivo para a veciñanza e para as persoas visitantes, que beneficien tamén ao comercio local e ao sector da hostalaría porque o obxectivo debe ser o de ofrecer un abono de espazos públicos de calidade”, finaliza Noemí Pintos.