Concello de Ourense Igualdade Infraestruturas POLÍTICA PROVINCIAL

Reclamamos un plan integral de control e mantemento das infraestruturas viarias e políticas de igualdade efectivas

As socialistas de Ourense reclamarán a posta en marcha dun plan integral de control das infraestruturas viarias e políticas de igualdade efectivas

Con estas dúas iniciativas, as concelleiras socialistas defenderán no pleno ordinario de marzo un dobre compromiso: avanzar nunha cidade máis xusta e igualitaria e garantir que se convirta nunha urbe máis segura, ordenada e ben xestionada

É fundamental o reforzo da colaboración co movemento feminista e a integración transversal da perspectiva de xénero en todas as políticas municipais”, advertiu a edil do PSdeG María Fernández

En Ourense, a 2 de marzo de 2026.

As socialistas de Ourense presentaron esta mañá as dúas iniciativas que defenderán no vindeiro pleno ordinario do Concello de Ourense do mes de marzo e que están centradas en dous eixos fundamentais para a cidade: o compromiso real coa igualdade e a necesidade urxente dun cambio estrutural na xestión das infraestruturas viarias tras o acontecido na rúa Peña Trevinca.

Por unha banda, coincidindo coa conmemoración do 8M, Día Internacional das Mulleres, a primeira moción aposta por consolidar un Ourense máis igualitario, libre de violencia machista e comprometido coa memoria democrática das mulleres que abriron camiño na política local. Este texto rexistrado propón o recoñecemento público das primeiras concelleiras da democracia mediante un acto institucional, a creación dun espazo simbólico permanente e o impulso dun rueiro feminino que visibilice o seu legado.

Ademais, tal e como explicou a edil do PSdeG María Fernández ante os medios de comunicación, esixe a declaración do Concello como espazo libre de violencia machista, simbólica e institucional, a elaboración dun protocolo municipal fronte ao acoso e á violencia machista no ámbito político e a posta en marcha de programas de formación en igualdade e comunicación non sexista dirixidos ao persoal municipal, cargos públicos, entidades deportivas e centros educativos.

“É fundamental o desenvolvemento de accións culturais e campañas de sensibilización que dean visibilidade ás distintas formas de violencia e promovan referentes femininos. Así como o reforzo da colaboración co movemento feminista e a integración transversal da perspectiva de xénero en todas as políticas municipais”, explicou a tamén portavoz da Executiva Municipal do PSOE en Ourense.

Así as cousas, o grupo socialista no Concello defenderá, como vén facendo ao longo dos últimos anos, que a igualdade non pode quedar nun xesto simbólico, senón que debe converterse nunha prioridade transversal e nun compromiso permanente que permeable ao resto de áreas políticas.

Por outra banda, piden que exista un antes e un despois, logo do acontecido na rúa Peña Trevinca, no que se refire á xestión viaria: que se pase do parche continuo á planificación. A segunda moción evidencia a falta de planificación preventiva e de control técnico das infraestruturas municipais.

A proposta reclama un cambio de modelo na xestión urbana, apostando pola prevención fronte á improvisación. Entre as medidas que se propoñen destacan: a aprobación dun Plan Integral de Control e Mantemento Viario que inclúa o mapeo técnico do estado do firme, a creación dunha plataforma integrada de xestión e a implantación dun modelo de mantemento preventivo.

Neste senso, a edil Alba Iglesias destacou que debería levarse a cabo unha rehabilitación integral e definitiva da rúa Peña Trevinca mediante contrato de emerxencia, incluíndo a renovación da calzada e beirarrúas, a mellora da drenaxe, cambiar a iluminación por unha máis eficiente e reordenar o espazo público.

Estiman as socialistas que a reforma completa do parque infantil adxacente, podería efectuarse cun investimento estimado entre 450.000 e 550.000 euros, garantindo unha intervención estrutural que evite gastos recorrentes no futuro.

“Consideramos que a situación actual require abandonar a ‘cultura do parche’ e avanzar cara a un modelo serio, innovador e responsable de mantemento urbano, baseado na planificación, no control técnico e na seguridade da veciñanza”, afirmou a socialista.