O PSDEG-PSOE DE VILAR DE BARRIO ALERTA DO “ABANDONO ABSOLUTO” DO PUNTO LIMPO MUNICIPAL, CON LIXO ACUMULADO QUE BLOQUEA O ACCESO E INVADE A ESTRADA
O grupo municipal socialista esíxelle ao consistorio que actúe de forma “inmediata” ante a “lamentable” e “deplorable” situación que presenta o punto limpo municipal, convertido nun “vertedoiro ao aire libre”
Consideran que esta situación “é inadmisible nun servizo público básico como é a xestión de residuos” e apuntan a que “isto reflicte unha clara falta de mantemento, vixilancia e planificación por parte do concello”
O estado actual destas instalacións municipais “non só proxecta unha imaxe lamentable do municipio, senón que supón ademais un risco ambiental evidente, ao atoparse residuos abandonados nun entorno natural e sen ningún tipo de control”, afirman
Vilar de Barrio, 5 de marzo de 2026. O PSdeG-PSOE de Vilar de Barrio denuncia publicamente a situación de “abandono absoluto” no que se atopa o punto limpo municipal, convertido na práctica nun vertedoiro “incontrolado” ante a pasividade a falta de xestión do goberno municipal. O grupo municipal socialista esíxelle ao concello que actúe “de forma inmediata” ante a “lamentable” e “deplorable” imaxe do punto limpo, convertido nun “vertedoiro ao aire libre”.
Tal e como evidencian as imaxes tomadas na zona polo grupo municipal socialista, a entrada ao recinto atópase completamente bloqueada pola acumulación de mobles, colchóns, plásticos, electrodomésticos, sacos e todo tipo de residuos, que se amorean sen ningún tipo de control diante da porta de acceso. “O lixo non só impide utilizar correctamente as instalacións, senón que ademais esténdese polos marxes da estrada e mesmo invade parte da calzada”, sinalan os concelleiros socialistas.





Dende o PSdeG-PSOE de Vilar de Barrio consideran que esta situación “é inadmisible nun servizo público básico como é a xestión de residuos” e apuntan a que “isto reflicte unha clara falta de mantemento, vixilancia e planificación por parte do concello”. Os socialistas subliñan ademais a paradoxa de que os residuos se acumulen fóra do recinto “xusto ao lado de carteis que prohiben expresamente verter lixo fóra das instalacións, o que demostra que o goberno municipal nin controla o espazo, nin garante o funcionamento normal do punto limpo”.
Para os socialistas de Vilar de Barrio, o estado actual destas instalacións municipais “non só proxecta unha imaxe lamentable do municipio, senón que supón ademais un risco ambiental evidente, ao atoparse residuos abandonados nun entorno natural e sen ningún tipo de control”. Asemade, advirten de que o lixo acumulado na estrada “pode xerar situacións de perigo para os condutores e a veciñanza que transita pola zona”.
“Estamos ante un exemplo máis da deixadez coa que o goberno municipal está a xestionar os servizos públicos en Vilar de Barrio. Un punto limpo non pode converterse nun vertedoiro ao aire libre”, sinalan dende o grupo municipal socialista.
Por todo isto, o PSdeG-PSOE esixe ao concello unha actuación “inmediata” para retirar todos os residuos acumulados, recuperar o funcionamento normal do punto limpo e establecer un sistema de control e mantemento que evite que esta situación volva a repetirse. Os socialistas advirten de que “non se pode permitir que unha instalación destinada precisamente a xestionar residuos remate xerando un problema ambiental e de seguridade para o propio municipio”.

