8M Concello de Ourense INICIATIVAS urbanismo

Conseguimos que se aproben as nosas mocións para implentar políticas feministas e un control das infraestruturas viarias

As socialistas conseguen aprobar as súas iniciativas para implementar políticas de igualdade, trasversais e efectivas, e un plan de control e mantemento das infraestruturas viarias

“A violencia machista segue a ser a expresión máis brutal da desigualdade que aínda persiste na nosa sociedade. Pero non nos enganemos: esa violencia non comeza cun golpe. Comeza no desprezo, no cuestionamento constante. Comeza cando a unha muller se lle esixe demostrar dúas veces máis para que se lle recoñeza a metade”, afirmou a voceira, Natalia González

 En Ourense, a 6 de marzo de 2026. As socialistas do Concello de Ourense conseguiron que se aprobase por unanimidade unha iniciativa para que se recoñeza publicamente o papel das mulleres na política local, en especial das primeiras concelleiras da democracia, organizando un acto institucional de homenaxe e impulsando a creación dun espazo simbólico permanente (exposición ou instalación pública), así como a posta en marcha inmediata do rueiro feminino que lembre o seu legado e a súa contribución á cidade.

“O 8 de marzo non é unha data simbólica nin un simple día no calendario, é unha chamada á responsabilidade das institucións e o recordo das mulleres que loitaron antes ca nós, das que abriron camiño cando a política e os espazos de poder non estaban pensados para elas. É tamén unha chamada á acción porque a igualdade non se celebra un día ao ano, a igualdade constrúese todos os días”, defendeu a portavoz do PSdeG, Natalia González.

Ademais, a moción respaldada por todos os grupos da Corporación, reclama declarar o Concello de Ourense espazo libre de violencia machista, simbólica e institucional, asumindo o compromiso de garantir un entorno laboral e político seguro, e elaborar e aprobar un protocolo municipal fronte á violencia e o acoso machista no ámbito político e institucional, que inclúa medidas de prevención, atención e sancións ante comportamentos discriminatorios, sexistas ou denigrantes cara ás mulleres.

“A violencia machista segue a ser a expresión máis brutal da desigualdade que aínda persiste na nosa sociedade. Pero non nos enganemos: esa violencia non comeza cun golpe. Comeza antes. Comeza no desprezo, no cuestionamento constante, na sospeita permanente sobre a capacidade das mulleres. Comeza cando a unha muller se lle esixe demostrar dúas veces máis para que se lle recoñeza a metade. E si, tamén existe na política. Existe cando se ridiculiza a voz dunha muller. Existe cando se minimizan os seus logros. Existe cando se pretende expulsala do espazo público a base de deslexitimación, de insinuacións ou de ruído. Por iso esta moción tamén fala de dignidade”, incidiu durante a súa quenda de palabra.

Nos puntos de acordo da moción aprobada tamén se recolle impulsar programas de formación en igualdade, prevención da violencia e comunicación non sexista, dirixidos ao persoal municipal, cargos públicos, clubs deportivos, entidades xuvenís e centros educativos, e reforzar a colaboración co movemento feminista e coas entidades de mulleres da cidade.

“Esta moción non mira só cara atrás. Mira sobre todo cara adiante. Mira cara a unha cidade que educa en igualdade desde a infancia. Cara a unha cidade que combate a violencia machista tamén nas súas formas máis invisibles: a psicolóxica, a simbólica, a dixital. Cara a unha cidade que non tolera nin o acoso nin a discriminación, nin na rúa, nin no traballo, nin tampouco na política. Porque a democracia non pode ser plena se a metade da sociedade segue tendo que defender constantemente o seu dereito a participar nela”, rematou a tamén secretaria de Igualdade do PsdeG-PSOE.

Por outra banda, a edil socialista Alba Iglesias presentou outra iniciativa –aprobada co respaldo do PP e a abstención de BNG e DO– en positivo que persegue non só mellorar a rúa Pena Trevinca, senón facer do acontecido unha oportunidade para mellorar a seguridade e o mantemento de todas as rúas de Ourense. Entenden que é preciso aprobar e implementar un Plan Integral de Control e Mantemento Viario que inclúa a sistematización do mapeo completo do estado do firme urbano mediante tecnoloxías avanzadas, a creación dunha plataforma integrada de xestión do espazo público, a elaboración dun inventario técnico homologado e a implantación dun modelo de mantemento preventivo.

“Literalmente o chan abriuse baixo os nosos pés como nunha película de ciencia ficción. Non creemos que o acontecido sexa unha cuestión de mala sorte. Un socavón desas magnitudes, nunha rúa destas características, con edificios residenciais, locais comerciais e de hostalería, con dous centros educativos próximos, supón unha gravidade extrema. Para nós trátase dunha falta de control do chan, do subsolo, da drenaxe e, en definitiva, de planificación”, argumentou a edil.

Por elo, a moción esixe tamén que, dende o goberno local, se impulse un Plan Extraordinario de Actualización e Execución da Mobilidade Urbana que revise e actualice o plan global xa existente, coordine obras e cambios de circulación, reduza atascos estruturais e priorice a seguridade peonil e a accesibilidade universal. E que se aproveiten as obras, en actual execución, para levar a cabo unha rehabilitación integral e definitiva da rúa Pena Trevinca mediante contrato de emerxencia, incluíndo a renovación completa da calzada e beirarrúas, a mellora da drenaxe e infraestruturas soterradas, unha nova iluminación eficiente, a reordenación do espazo público, arborado, mobiliario urbano e medidas de calmado do tráfico.

“E todos podemos ver como están as rúas, que hai fochancas por todas partes, cada vez que chove un pouco forte rebentan os sumidoiros e as rúas por toda a cidade. Ourense empeza a ter incidencias repetidas no firme, o problema entón deixa de ser puntual e preocúpanos que pase a ser estrutural. Porque en Ourense vivimos instalados na cultura do parche. E cando digo cultura do parche non o digo como metáfora. Dígoo literalmente: esperamos a que algo rebente, a que apareza o socavón, a que se inunde a rúa e a que colapse o sumidoiro… E non sempre se arranxa, por non decir case nunca”, rematou a socialista.