As socialistas de Ourense solicitarán un pleno extraordinario para a modificación do Regulamento do Pleno e reforzar as garantías democráticas
A voceira socialista, Natalia González, sinala que rexistrarán nos vindeiros días “unha solicitude formal para a convocatoria dun pleno extraordinario, que será remitida tamén ao conxunto dos grupos que forman parte da Corporación para abrir un debate institucional
En Ourense, a 6 de marzo de 2026. As socialistas do grupo municipal de Ourense solicitarán a convocatoria dun pleno extraordinario para reforzar as garantías democráticas do funcionamento das sesións plenarias, logo de ter que acudir aos xulgados para que se recoñecera o que debería ser a normalidade no Concello.
A voceira socialista, Natalia González, sinala que rexistrarán nos vindeiros días “unha solicitude formal para a convocatoria dun pleno extraordinario, que será remitida tamén ao conxunto dos grupos que forman parte da Corporación para abrir un debate institucional que permita abordar a modificación do Regulamento” e asegurar que nunca máis se poida vulnerar o dereito fundamental á participación política dun ou dunha edil.
Máis, se cabe, despois de que no pleno ordinario do mes de marzo, que tivo lugar esta mañá, se dese lectura á sentenza condenatoria ao alcalde, Gonzálo Pérez Jácome, por vulnerar os dereitos fundamentais da voceira socialista no exercicio das súas funcións como concelleira e chegar a reiterar o rexedor en varias ocasións que o ditaminado en diferentes instancias non é certo. “A quen van a crer? Á xuíza, a Natalia ou a min?”, exhortou á cidadanía ante tres sentenzas que outorgan a razón á portavoz do PsdeG.
Desde o grupo socialista consideran necesario aproveitar este debate para fortalecer as normas de funcionamento do pleno municipal e garantir o respecto escrupuloso aos dereitos democráticos de todos os membros da Corporación. “O respecto non pode depender de decisións políticas nin de interpretacións interesadas. Trátase dunha obriga democrática que debe estar garantida en todo momento”, sinala a tamén secretaria xeral do partido en Ourense.

