8M FEMINISMO Igualdade

Reafirmamos o noso compromiso coa igualdade real, efectiva e dixital neste 8M

A EXECUTIVA PROVINCIAL DO PSDEG-PSOE DE OURENSE REAFIRMA O SEU COMPROMISO COA IGUALDADE REAL, EFECTIVA E DIXITAL CON MOTIVO DO 8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

As e os socialistas reafirman o seu compromiso “firme e inequívoco” coa defensa e ampliación dos dereitos das mulleres, nun contexto marcado polo avance de discursos reaccionarios que cuestionan as conquistas democráticas fundamentais

A secretaria provincial de igualdade, Eva Pérez Gamote, advirte de que a igualdade entre mulleres e homes “segue sendo unha tarefa pendente e unha conquista que debemos defender fronte a quen pretende arrebatárnola”

“Sen igualdade dixital non haberá igualdade real”, sostén a responsable de igualdade da Executiva Provincial, quen alerta de que sete de cada dez mulleres mozas en España sufriron algún tipo de violencia en liña, dende insultos e ameazas ata manipulación de imaxes ou campañas de difamación

Ourense, 8 de marzo de 2026. A Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, a través da área de igualdade, con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, reafirma o seu compromiso “firme e inequívoco” coa defensa e ampliación dos dereitos das mulleres, nun contexto marcado polo avance de discursos reaccionarios que cuestionan as conquistas democráticas fundamentais.

A secretaria provincial de igualdade, Eva Pérez Gamote, advirte de que a igualdade entre mulleres e homes “segue sendo unha tarefa pendente e unha conquista que debemos defender fronte a quen pretende arrebatárnola”. Neste sentido, sinala que o auxe da ultradereita en distintos países e tamén en España supón “unha ameaza directa non só para os dereitos das mulleres, senón para a propia calidade democrática”.

Dende a Executiva Provincial subliñan asemade que o feminismo é, por natureza, un movemento internacionalista que sitúa as mulleres como suxeito político activo e motor de transformación social. “Cada paso atrás nos dereitos das mulleres é un golpe contra a democracia”, afirma Pérez Gamote.

Igualdade dixital: unha prioridade política

O PSdeG-PSOE de Ourense pon o foco este 8-M nos desafíos que formula a revolución dixital. As redes sociais e as plataformas tecnolóxicas convertéronse en espazos centrais de socialización, construción de referentes e participación pública, especialmente para nenas, nenos e adolescentes.

“Sen igualdade dixital non haberá igualdade real”, sostén a responsable de igualdade da Executiva Provincial, quen alerta de que sete de cada dez mulleres mozas en España sufriron algún tipo de violencia en liña, dende insultos e ameazas ata manipulación de imaxes ou campañas de difamación. “A violencia dixital é unha extensión da violencia patriarcal e non podemos minimizala por desenvolverse no ámbito virtual”, afirma Eva Pérez Gamote.

A Executiva Provincial defende a necesidade “urxente” de impulsar unha coeducación adaptada ao contorno dixital, que fomente o pensamento crítico fronte aos discursos machistas e promova unha ollada feminista sobre os contidos que circulan pola rede. Así mesmo, aposta por reforzar a formación do profesorado e das familias, e por implicar a todas as institucións na protección efectiva da infancia e da adolescencia fronte a contidos sexualizados e violentos.

Regulación e responsabilidade das plataformas

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense formúlase a necesidade de avanzar na regulación das plataformas dixitais e dos seus algoritmos, para que as grandes corporacións tecnolóxicas asuman a responsabilidade sobre os contidos que amplifican e o impacto que xeran.

Neste marco, a Executiva Provincial reitera a súa posición abolicionista fronte á explotación sexual e denuncia espazos como OnlyFans, que “branquean o negocio do sexo e presentan a cosificación do corpo feminino como un acto de liberdade”. Ademais, alertan do impacto que determinados contidos teñen na construción de modelos de masculinidade baseados no control e na dominación, apostando por promover novas masculinidades comprometidas coa igualdade.

Igualmente, critican o auxe de movementos como o denominado “tradwife”, que glorifican a submisión e a dependencia económica baixo unha aparencia de modernidade. “A submisión non é empoderamento. Non se trata de xulgar opcións persoais, senón de denunciar o perigo político de normalizar modelos de desigualdade coma se fosen progreso”, sinala Pérez Gamote.

Un chamamento á acción colectiva

A Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense recoñece os avances acadados grazas ao traballo colectivo, ás leis que amplían dereitos e ás redes de sororidade, pero insiste en que non é momento de baixar a garda.

“Defender a igualdade é defender a democracia, a liberdade e a xustiza social. O feminismo fixo posible que xeracións de nenas soñen con ser científicas, enxeñeiras ou líderes. Non imos permitir que eses soños sexan borrados”, conclúe Eva Pérez Gamote.

Neste 8 de marzo, o PSdeG-PSOE de Ourense fai un chamamento á cidadanía a participar activamente na defensa da igualdade, tamén no espazo dixital: “Porque sen igualdade na rede non haberá igualdade na vida. E porque se o patriarcado se reinventa, nós tamén”.

Viva a loita feminista.

Viva a loita das mulleres.