O PSDEG-PSOE DE OURENSE, A TRAVÉS DA ÁREA DE MIGRACIÓNS, INFORMA DE QUE VARIOS EMIGRANTES RETORNADOS DE ALEMAÑA E RESIDENTES NA PROVINCIA ESTÁN TENDO PROBLEMAS PARA PERCIBIR AS SÚAS PENSIÓNS
Tal e como explican as e os socialistas, as incidencias afectan principalmente a pensionistas que reciben as súas prestacións do sistema alemán e que teñen domiciliado o cobro en oficinas do Banco Santander, que anteriormente eran clientes do Banco Pastor, Banesto ou Banco Popular
“Estamos atendendo varios casos de emigrantes retornados que levan meses sen cobrar a súa pensión por unha incidencia administrativa que pode resolverse se se tramita correctamente a actualización da conta bancaria”, explica Teresa Barge
Para calquera consulta sobre casos similares, a secretaría provincial de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense ponse a disposición das persoas afectadas e das súas familias para ofrecer asesoramento e apoio na tramitación da documentación necesaria
Ourense, 9 de marzo de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense, a través da secretaría provincial de migración, informa de que varios emigrantes retornados de Alemaña e residentes na provincia están tendo problemas para percibir as súas pensións dende o pasado mes de xaneiro. Tal e como explican as e os socialistas, as incidencias afectan principalmente a pensionistas que reciben as súas prestacións do sistema alemán e que teñen domiciliado o cobro en oficinas do Banco Santander, que anteriormente eran clientes do Banco Pastor, Banesto ou Banco Popular.
Dende a área de migracións da Executiva Provincial indican que o problema prodúcese porque, ao caducar ou non actualizarse antes do 31 de decembro a nova conta bancaria vinculada ao Banco Santander, or organismo pagador alemán, Deutsche Post – equivalente a Correos en España -, atopouse con que o sistema de transferencias internacionais rexeitaba os pagamentos, ao non recoñecer esas antigas entidades bancarias.
A maioría das persoas afectadas xa recibiron correspondencia de Deutsche Post con impresos en alemán e en español para levalos ao banco e confirmar a nova vinculación con esa entidade bancaria. Non obstante, noutros casos a situación é máis complexa, xa que algúns pensionistas non residen actualmente no domicilio postal que figura na Seguridade Social alemá, ben porque viven con familiares noutra cidade ou porque están ingresados en residencias de maiores. Isto provocou que, nalgúns casos, a correspondencia permanecese durante moito tempo nos buzóns, deteriorándose co paso do tempo.
Desde a Secretaría Provincial de Migracións do PSdeG-PSOE de Ourense estase prestando asesoramento aos familiares das persoas afectadas e aos responsables de centros de maiores, facilitándolles os impresos que poden descargarse desde a páxina web de Deutsche Post para confirmar e acreditar a nova relación bancaria.
“Estamos atendendo varios casos de emigrantes retornados que levan meses sen cobrar a súa pensión por unha incidencia administrativa que pode resolverse se se tramita correctamente a actualización da conta bancaria”, explica Teresa Barge Dapía, secretaria provincial de migracións. “Por iso poñemos a área de migracións a disposición das persoas afectadas e das súas familias para axudarlles a resolver esta situación o antes posible”, afirma.
Así mesmo, desde a secretaría Provincial de migracións lembran que o Goberno alemán anunciou unha subida oficial das pensións do 4,24 % a partir do próximo mes de xuño, o que suporá que as pensións aumentasen un 12,55 % desde o ano 2024.
Para calquera consulta sobre casos similares, a secretaría provincial de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense ponse a disposición das persoas afectadas e das súas familias para ofrecer asesoramento e apoio na tramitación da documentación necesaria.

