Concello de Ourense ourense Política municipal

Esiximos solucións ante a precarización do Servizo de Axuda no Fogar

As socialistas de Ourense esixen solucións ante os incumprimentos e a precarización do Servizo de Axuda no Fogar

González defende con firmeza a “dignificación do sector dos coidados, un ámbito imprescindible para a cohesión social e o benestar da nosa cidade, demasiado tempo invisibilizado e infravalorado”

 En Ourense, a 9 de marzo de 2026.

A voceira do Grupo Municipal Socialista, Natalia González, mantivo un encontro co Comité de Empresa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Ourense para coñecer de primeira man a grave situación que atravesa o servizo e recoller as demandas das traballadoras.

Durante a xuntanza, o comité denunciou “incumprimentos do convenio laboral, tempo de traballo non contabilizado, problemas co pagamento da quilometraxe, falta de planificación e organización, deficiencias na aplicación dos protocolos e ausencia de seguimento efectivo das incidencias”. Tamén alertaron da “precarización progresiva dun sector esencial, con sobrecarga de traballo e escaso recoñecemento”, explican as socialistas.

González defende con firmeza a “dignificación do sector dos coidados, un ámbito imprescindible para a cohesión social e o benestar da nosa cidade, demasiado tempo invisibilizado e infravalorado”. Ourense merece un SAF con condicións laborais xustas e unha atención de calidade, e imos traballar con determinación para que así sexa.

As socialistas trasladan o apoio e respaldo total ás traballadoras do SAF e comprométenses a levar as súas reivindicacións aos órganos correspondentes para esixir solucións inmediatas. 

Non se pode permitir que un servizo fundamental para as persoas maiores e dependentes funcione a costa dos dereitos laborais das súas profesionais.