As socialistas denuncian a retirada improvisada do orzamento do Consello Municipal de Deportes tras quedar en evidencia as graves carencias do expediente
O documento chegou sen informe de intervención, con erros nos cálculos recoñecidos polo propio goberno e sen expediente completo para o seu estudo
En Ourense, a 10 de marzo de 2026. O Consello Municipal de Deportes (CMD) do Concello de Ourense celebrou hoxe unha sesión na que o goberno municipal presentaba unha proposta de orzamento que finalmente decidiu retirar ao comprobar que non contaba co apoio de ningún dos grupos presentes.
“Dende as socialistas de Ourense consideramos especialmente grave que se intentase levar a aprobación un documento sen informe de intervención, un requisito esencial para garantir a legalidade e a viabilidade económica de calquera proposta orzamentaria no ámbito público”, sinala a portavoz do grupo, Natalia González.
Ademais, destacan que o expediente remitido aos membros do Consello non estaba completo, impedindo unha análise rigorosa da proposta. “Durante a propia sesión, o goberno municipal recoñeceu tamén a existencia de erros nos cálculos do orzamento, o que evidencia a falta de rigor coa que se estaba tramitando un documento que debería marcar a planificación deportiva da cidade”, incide.
Neste senso, lembran que o CMD sempre se caracterizou por funcionar desde o consenso, coa participación dos grupos políticos e coa mirada posta no que realmente importa: o apoio aos clubs e ao tecido deportivo da cidade. “Precisamente por esa importancia, resulta difícil entender as présas actuais do goberno municipal, cando este orzamento debería estar aprobado desde o mes de outubro para permitir que clubs e entidades deportivas planifiquen a súa actividade con estabilidade”, engade sobre as consecuencias da mala planificación.
Ante a ausencia de apoios, o executivo decidiu retirar o punto da orde do día sen ofrecer explicacións claras nin establecer un prazo real para o estudo ou a presentación de emendas, deixando a situación nunha especie de limbo administrativo. “De feito, a única consecuencia práctica parece ser dar un par de días de marxe ao Partido Popular para recompoñer a súa posición, mentres clubs e entidades deportivas seguen sen certezas”, insiste.
As socialistas recordan que os orzamentos dun organismo público non poden tramitarse con improvisación nin como “unha operación de última hora”, e moito menos cando afectan á planificación das políticas deportivas da cidade.

