concellos Denuncias

O PSOE da Merca solicita a suspensión do orzamento de 2026

O PSDEG-PSOE DA MERCA SOLICITA A SUSPENSIÓN DO ORZAMENTO MUNICIPAL DE 2026 POR RISCO DE RESPONSABILIDADE PENAL E VULNERACIÓN DE DEREITOS

O voceiro socialista, Carlos Sousa, fundamenta a impugnación nun informe de secretaría que advirte do perigo de «abandono de funcións» ante o estado de vivendas en ruína

O grupo municipal socialista rexistrará mañá unha emenda á totalidade tras denunciar que o goberno do PP pretende destinar apenas 1.700 € para seguridade pública en edificacións perigosas

“Se o PP aproba estes orzamentos coa súa maioría, presentaremos alegacións e impugnaremos o documento por vía xudicial para protexer o patrimonio do concello e a integridade física dos nosos veciños e veciñas», sinala Sousa

A Merca, 10 de marzo de 2026. O PSdeG-PSOE da Merca solicita a suspensión do orzamento 2026 debido ao risco de responsabilidade penal e vulneración de dereitos. Os e as socialistas anunciaron a impugnación preventiva das contas ao considerar que o procedemento administrativo «nace viciado de nulidade de pleno dereito».

O voceiro do grupo municipal socialista na Merca, Carlos Sousa, compareceu no día de onte na comisión de Facenda para manifestar o seu “rexeitamento frontal” ao proxecto de orzamentos presentado polo goberno municipal do Partido Popular. Sousa baseou a súa intervención no informe xurídico de secretaría (expediente 143/2026), que advirte que a inacción do concello ante o risco de derrube de vivendas, xa advertido reiteradamente polo PSdeG en mocións de 2023 e 2025, que podería derribar en “responsabilidade patrimonial e incluso penal”.

Segundo explica o voceiro socialista, o borrador do PP “apenas consigna 1.700 euros para esta fin”, unha cantidade que cualificou de “ridícula e irresponsable”, tendo en conta que o 20% do parque de vivendas do municipio presenta deficiencias graves.

Vulneración de dereitos fundamentais

A impugnación presentada polo PSdeG tamén sinala unha vulneración do artigo 23 da Constitución Española. O informe do secretario confirma que o bloqueo sistemático das mocións da oposición sobre seguridade pública supón un ataque ao dereito de participación política. «Ditaminar hoxe estes orzamentos sen ter debatido antes as propostas de seguridade é afondar nunha ilegalidade que invalida todo o proceso plenario», afirmou Sousa.

Accións legais e emenda á totalidade

Ante a gravidade dos feitos, Carlos Sousa solicitou formalmente a suspensión do trámite plenario. O voceiro socialista sinala que, ao retirarse o proxecto, o PSdeG vén de rexistrar unha emenda á totalidade de devolución.

«Non podemos ser cómplices dunhas contas que o propio secretario vincula cun posible abandono de funcións”, apunta Sousa. “Se o PP aproba estes orzamentos coa súa maioría, presentaremos alegacións e impugnaremos o documento por vía xudicial para protexer o patrimonio do concello e a integridade física dos nosos veciños e veciñas», conclúe o voceiro socialista.