Executiva Provincial de Ourense SOCIALISTAS OURENSÁNS NAS INSTITUCIÓNS Transporte

Reunímonos coa Plataforma Dereito ao Tren e subscribimos as súas reivindicacións

O PSDEG-PSOE DE OURENSE SUBSCRIBE E APOIA AS REIVINDICACIÓNS DA PLATAFORMA DEREITO AO TREN E TRABALLA PARA A RECUPERACIÓN DAS FRECUENCIAS DO AVE NA ESTACIÓN DA GUDIÑA

As e os socialistas coinciden na necesidade de “recuperar as frecuencias perdidas a primeira hora da mañá e a última hora do día para facilitar as conexións e a mobilidade da veciñanza”

“Estamos traballando a todos os niveis, tanto local, cos alcaldes e alcaldesas da comarca ao fronte, como no ámbito provincial, dende a Executiva, a nivel galego e tamén estatal, onde a deputada e o senador levan meses exercendo as súas funcións para recuperar as frecuencias”, afirman

Fan fincapé en que “esta non é unha reivindicación puntual, senón unha loita estrutural polo futuro do rural galego que conecta coa histórica defensa socialista da igualdade territorial e dos servizos públicos de calidade para toda a cidadanía, independentemente do lugar onde residan”

A Gudiña, 10 de marzo de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense subscribe e apoia as reivindicacións da Plataforma Dereito ao Tren, como fixeron dende o comezo, xa que tal e como apuntan “considerámolas fundamentais e transcendentais para as comarcas afectadas e a provincia”. As e os socialistas coinciden na necesidade de “recuperar as frecuencias perdidas a primeira hora da mañá e a última hora do día para facilitar as conexións e a mobilidade da veciñanza”.

O PSdeG-PSOE de Ourense mantivo na tarde de onte un encontro coa Plataforma Dereito ao Tren na Gudiña, na que estiveron presentes o secretario provincial, Álvaro Vila; a deputada no Congreso, Marga Martín; o senador, Rafa Villarino; a deputada no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta; a deputada provincial da comarca de Monterrei, Eva Pérez Gamote; o alcalde do Barco de Valdeorras, Aurentino Alonso; e o alcalde da Gudiña, Néstor Ogando; quenes se reuniron con representantes da plataforma.

Durante o encontro, as e os representantes socialistas déronlle traslado aos membros da plataforma presentes de que ao longo dos últimos meses “levamos traballando arreo nas diferentes institucións para que a estación da Gudiña recupere as frecuencias do AVE”. Neste senso, dende o PSOE ourensán poñen de manifesto que “estamos traballando a todos os niveis, tanto local, cos alcaldes e alcaldesas da comarca ao fronte, como no ámbito provincial, dende a Executiva, a nivel galego e tamén estatal, onde a deputada e o senador levan meses exercendo as súas funcións para recuperar as frecuencias”.

As e os socialistas poñen de manifesto que o tren “non é un luxo, senón un dereito básico da cidadanía” e sinalan que “sen conexións útiles, estamos condenando o rural ao illamento e a un lento esmorecemento”. Asemade tamén afirman que “levamos décadas loitando por ter unhas infraestruturas de calidade, pero de que nos serve ter unha estación moderna se os horarios que nos poñen ao dispor non son prácticos para a veciñanza?”.

“Non pedimos imposibles, nin luxos, nin privilexios desmesurados, senón algo tan básico e elemental como que os horarios permitan ir e volver a Madrid e outros puntos nun mesmo día, chegar a tempo ás citas médicas, que os estudantes poidan desprazarse dentro da provincia e da comunidade sen depender exclusivamente do coche privado, ou que as familias poidan acceder a servizos básicos sen verse penalizadas polas súa residencia no rural”, apuntan as e os socialistas.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense reafirman con rotundidade que “Galicia e  provincia de Ourense precisan dun rural vivo, próspero e conectado co resto do país e de Europa” e subliñan que “sen un servizo ferroviario eficaz e adaptado ás necesidades reais da poboación, estamos condenando estas comarcas ao despoboamento acelerado e ao abandono definitivo”.

Por último, as e os socialistas fan fincapé en que “esta non é unha reivindicación puntual, senón unha loita estrutural polo futuro do rural galego que conecta coa histórica defensa socialista da igualdade territorial e dos servizos públicos de calidade para toda a cidadanía, independentemente do lugar onde residan”.