A Executiva Municipal do PSdeG de Ourense e XSO organizan un acto sobre a autonomía galega no marco dos 45 anos de forza propia
Fernando González Laxe, Margaríña Valderrama e Isidoro Gracia participarán nun encontro aberto á cidadanía o vindeiro 20 de marzo na sede socialista da rúa Ribeira de Canedo
En Ourense, a 11 de marzo de 2026. As e os socialistas da Executiva Municipal do PSdeG de Ourense e as Xuventudes Socialistas organizan, o vindeiro 20 de marzo, ás 18.00 horas, un acto baixo o título O PSdeG pola auténtica autonomía, que terá lugar na sede socialista da rúa Ribeira de Canedo. A iniciativa enmárcase nas actividades de conmemoración dos 45 anos de forza propia do socialismo galego e pretende abrir un espazo de reflexión arredor do papel do partido na construción e defensa do autogoberno de Galicia.
No encontro participarán Fernando González Laxe, presidente da Xunta de Galicia entre 1987 e 1989; Margaríña Valderrama, exsecretaria de Cultura da Comisión Executiva Nacional Galega; e Isidoro Gracia, deputado no Congreso por Pontevedra entre 1979 e 1993.
Durante o acto abordarase pasado, presente e futuro: tanto os avances acadados no desenvolvemento da autonomía galega como os retos actuais para reforzar o autogoberno e avanzar nun modelo de país con maior capacidade de decisión.
Desde o PSdeG de Ourense destacan que a xornada pretende tamén poñer en valor a contribución histórica do socialismo galego á consolidación da autonomía e ao progreso de Galicia.
O acto está aberto á participación da cidadanía e busca ser un espazo de encontro para compartir memoria, análise política e compromiso co futuro do país.


