O PSDEG-PSOE DE OURENSE DENUNCIA O “ABANDONO SISTEMÁTICO” DA PROVINCIA DE OURENSE POR PARTE DA XUNTA DE GALICIA, CANDO SE CUMPREN DOUS ANOS DE MANDATO DE ALFONSO RUEDA AO FRONTE DO GOBERNO GALEGO
As e os socialistas alertan do impacto dos incendios, da perda de emprego, do deterioro da sanidade pública, con listas de agarda inasumibles e dunha débeda histórica de máis de 1.200 millóns coa cidade de Ourense
Carmen Rodríguez Dacosta asegurou que o presidente da Xunta e líder do PP galego, Alfonso Rueda, “só se acorda de Ourense cando hai eleccións”, mentres que no día a día “a provincia segue perdendo oportunidades, emprego e servizos públicos”
Álvaro Vila explicou que “Ourense é a provincia máis envellecida de Galicia, con maior dispersión poboacional e maior dependencia dos servizos públicos, polo que considera especialmente grave a falta de resposta do Goberno galego”
Natalia González puxo o foco na cidade, onde afirmou que “a débeda acumulada do goberno galego coa cidade durante os 17 anos de gobernos do Partido Popular supera xa os 1.200 millóns de euros en investimentos comprometidos e non executados”
Ourense, 12 de marzo de 2026. O PSdeG-PSOE denunciou hoxe o “abandono sistemático» da provincia de Ourense por parte da Xunta de Galicia, cando se cumpren dous anos de mandato de Alfonso Rueda ao fronte da presidencia do goberno galego.
Durante unha rolda de prensa celebrada na sede provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, a deputada socialista no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, o secretario provincial do partido, Álvaro Vila Araújo, e a portavoz do grupo municipal socialista, Natalia González Beneitez, fixeron balance deste período, denunciando incumprimentos en materia de política forestal, emprego, sanidade, financiamento municipal e infraestruturas.









Incendios, desemprego e deterioro dos servizos públicos
A deputada no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, asegurou que o presidente da Xunta e líder do PP galego, Alfonso Rueda, “só se acorda de Ourense cando hai eleccións”, mentres que no día a día “a provincia segue perdendo oportunidades, emprego e servizos públicos”. A parlamentaria socialista lembrou que a provincia sufriu un dos peores episodios de incendios forestais dos últimos anos, con case o 20 % da superficie arrasada e máis de 120.000 hectáreas queimadas, e denunciou que un ano despois “seguimos sen un plan integral de recuperación para as zonas afectadas”.
Tamén criticou a ausencia de reformas estruturais na política forestal da Xunta, lembrando que Galicia continúa sen unha nova lei de incendios, sen unha nova lei de montes veciñais en man común e sen plans de ordenación forestal actualizados.
No ámbito laboral, advertiu de que Ourense pechou o ano con 15.400 persoas desempregadas e unha taxa de paro do 11,7 %, a máis alta de Galicia. Ademais, nos últimos quince anos perdéronse 1.500 empregos no sector primario, o que supón unha caída do 28 %. Para a deputada socialista, esta perda de actividade no rural contribúe tamén a aumentar o risco de incendios ao desaparecer parte da actividade agraria e forestal que axuda a manter o territorio.
A situación da sanidade pública foi outro dos puntos criticados. Segundo indicou Carmen Rodríguez Dacosta, “38.847 persoas están actualmente en lista de espera na provincia, das cales 4.900 agardan por unha intervención cirúrxica, máis de 24.000 por consultas de especialidades e case 10.000 por probas diagnósticas”. “O hospital cae a cachos e os ourensáns teñen que esperar meses para ser atendidos”, lamentou.
Incumprimentos cos concellos
Pola súa banda, o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo, denunciou que a relación da Xunta coa provincia non responde só a un problema xeral de xestión, senón a “incumprimentos sistemáticos”. Segundo explicou que “Ourense é a provincia máis envellecida de Galicia, con maior dispersión poboacional e maior dependencia dos servizos públicos, polo que considera especialmente grave a falta de resposta do Goberno galego”.
Entre os principais incumprimentos citou o Fondo de Cooperación Local, que continúa practicamente conxelado desde 2010, o que dificulta o financiamento dos concellos máis pequenos. Tamén criticou o modelo de financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que supón unha importante carga económica para os municipios. “O custo real do servizo está entre 21 e 22 euros por hora, mentres que a Xunta apenas cobre arredor de 16 euros, polo que os concellos teñen que asumir unha parte moi importante do gasto”, subliñou.
Outro exemplo que destacou foi a ausencia dun transporte metropolitano na área de Ourense, afirmando que “segue sendo a única cidade galega que non conta cun sistema deste tipo”. Vila tamén denunciou o atraso en infraestruturas clave como a conexión viaria entre a A-52 e o polígono industrial de San Cibrao das Viñas, fundamental para mellorar a mobilidade e evitar o colapso do principal parque empresarial da provincia.
Ademais, criticou que a Xunta incumprise o compromiso de asumir directamente a limpeza das faixas secundarias de protección contra incendios, trasladando novamente esta responsabilidade aos concellos.
Unha débeda histórica coa cidade de Ourense
A portavoz socialista no Concello de Ourense, Natalia González Beneitez, centrou a súa intervención na situación da capital da provincia, que cualificou como “o mellor exemplo do abandono histórico da Xunta”. Segundo apuntou “a débeda acumulada do Goberno galego coa cidade durante os 17 anos de gobernos do Partido Popular supera xa os 1.200 millóns de euros en investimentos comprometidos e non executados”.
Esta cifra inclúe proxectos pendentes en infraestruturas, sanidade, vivenda pública e desenvolvemento industrial, entre os que destacou a Rolda Leste de Ourense ou os continuos atrasos no plan director do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). “Se facemos a conta por habitante, a débeda da Xunta supera os 11.000 euros por cada veciño e veciña da cidade”, sinalou.
Para González Beneitez, esta falta de investimento prolongada no tempo ten consecuencias directas no desenvolvemento da cidade. “Cando unha cidade recibe menos investimento durante tanto tempo, o que perde non son só cartos; perde oportunidades para crear emprego, atraer empresas e mellorar os servizos públicos”, advertiu.
A portavoz municipal tamén subliñou que nos últimos anos o investimento do Goberno de España na cidade foi “catro veces superior ao realizado pola Xunta”. “Despois de 17 anos de promesas, Ourense non precisa máis anuncios; precisa feitos e que a Xunta comece a pagar a débeda histórica que ten coa nosa cidade e coa nosa provincia”, concluíu.

