As socialistas de Ourense reclamarán a aprobación dun plan municipal de compensación fiscal e axudas a pequenos negocios afectados polas obras de humanización
“Moitos establecementos están a sufrir descensos significativos na súa facturación, chegando nalgúns casos a comprometer a súa viabilidade. O pequeno comercio constitúe un elemento esencial do tecido económico e social de Ourense, xerador de emprego, dinamizador dos barrios e garante da vida urbana”, destacou a portavoz e secretaria xeral do PSdeG, Natalia González
En Ourense, a 12 de marzo de 2026. As socialistas de grupo municipal do Concello de Ourense, Natalia González e Alba Iglesias, e a deputada no Parlamento Carmen Rodríguez Dacosta reuníronse esta mañá co presidente da Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (UPTA), Eduardo Abad, para recoller as demandas e necesidades actuais do sector que representa na cidade.
Os datos que trasladan dende UPTA advirten de que só na urbe de Ourense se perderon 200 comercios locais nos últimos 3 anos e que os 7.185 autónomos cos que conta a cidade precisan medidas concretas que faciliten o seu desenvolvemento.
Todos os presentes na reunión coincidiron en que as diversas actuacións de humanización e mellora do espazo público, especialmente en zonas comerciais e de servizos, co obxectivo de modernizar infraestruturas, mellorar a mobilidade e avanzar cara a unha cidade máis accesible e sostible, son imprescindibles. Pero tamén en que, sendo necesarias e positivas a medio e longo prazo, están a provocar durante a súa execución un impacto económico directo no pequeno comercio, na hostalería e nos servizos de proximidade, debido a cortes de tráfico, limitacións de acceso, ocupación prolongada da vía pública, ruídos e redución do tránsito peonil.
“Moitos establecementos están a sufrir descensos significativos na súa facturación, chegando nalgúns casos a comprometer a súa viabilidade. O pequeno comercio constitúe un elemento esencial do tecido económico e social de Ourense, xerador de emprego, dinamizador dos barrios e garante da vida urbana”, destacou a portavoz e secretaria xeral do PSdeG, Natalia González.
Tamén coincidiron en sinalar que a Administración municipal é a máis próxima às persoas e que debe implicarse sem deixar em mans da autonómica e estatal toda a responsabilidade de cara a mellorar as condicións dos e das autónomas, tal e como levan defendendo as socialistas durante todo o mandato. “Falta unha implicación e unha planificación por parte do executivo local que podería mudar esta cidade por completo, tamén no eido económico”, subliñou a socialista.
Por elo, as edís do PSdeG no Concello de Ourense presentarán unha batería de iniciativas, logo de recoller as inquedanzas do presidente de UPTA, que defenderán no vindeiro pleno ordinario, para aprobar un Plan Municipal de Compensación, consistente nun réxime extraordinario de axudas e bonificacións fiscais dirixido a autónomos, microempresas e pequenos negocios da cidade afectados polas obras municipais de humanización urbana.
Ademais, reclamarán establecer como beneficiarios aqueles negocios que teñan domicilio fiscal e local de actividade no termo municipal de Ourense, estean abertos ao público, acrediten unha caída de facturación igual ou superior ao 20% durante a duración das obras, demostren que a perda está directamente relacionada coas mesmas e estean ao corrente das obrigas tributarias municipais.
En liña co xa proposto polo grupo do PSdeG nas emendas às ordenanzas do lixo e a auga sobre a suba das taxas, que non contemplan exencións e repercuten en todos os grupos poboacionais por igual, solicitan na iniciativa que se aplique unha bonificación mínima do 50 % nas taxas municipais vinculadas á actividade económica, como poden ser a recollida de lixo e residuos comerciais, ocupación de vía pública, licenzas municipais, vados, carga e descarga e outras taxas relacionadas.
“Entendemos que estaría ben, por outra banda, aplicar unha bonificación mínima do 50 % nos seguintes tributos municipais: IBI do local afectado (no caso de titularidade), IAE cando proceda, ICIO se existisen actuacións necesarias derivadas das obras e IVTM cando o vehículo estea afecto á actividade”, expuxo a voceira socialista.

