O PSDEG-PSOE DE CARTELLE ALERTA DO “GRAVÍSIMO” DETERIORO DA TORRE DE SANDE E ADVIRTE DO RISCO DE DERRUBAMENTO ANTE A INACCIÓN DAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS
As e os socialistas explican que nas últimas semanas a situación “agravouse” coa aparición dunha fenda de aproximadamente 15 centímetros de ancho nun dos muros da torre e que ademais “no interior da propia greta medra unha hedra que, de forma totalmente precaria, está mantendo unida a propia estrutura”
Jesús Pereiras sinala que “mentres non se aclara a titularidade e as administracións miran para outro lado, a torre segue deteriorándose día tras día. Cada inverno, cada temporal e cada fenda nova achégannos máis á perda definitiva deste patrimonio”
“Non se pode permitir que un BIC continúe deteriorándose mentres as administracións se escudan na burocracia. A lei é clara: cando o patrimonio está en risco, hai que actuar”, conclúe Pereiras
Cartelle, 17 de marzo de 2026. O PSdeG-PSOE de Cartelle alerta do “gravísimo” estado de deterioro da Torre de Sande e advirte que o monumento podería sufrir un derrubamento senón se actúa con urxencia. As e os socialistas denuncian que un Ben de Interese Cultural (BIC) continúe a día de hoxe nunha situación de “abandono absoluto”, namentres as administracións seguen sen tomar as medidas “oportunas para garantir a súa conservación.
Dende o grupo municipal socialista explican que nas últimas semanas a situación “agravouse” coa aparición dunha fenda de aproximadamente 15 centímetros de ancho nun dos muros da torre. Ademais, tal e como indican “no interior da propia greta medra unha hedra que, de forma totalmente precaria, está mantendo unida a propia estrutura”. Advirten de que esta circunstancia “evidencia o avanzado estado de degradación da construción e o perigo real de desprendementos ou mesmo de derrubamento”, polo que consideran “imprescindible” actuar de maneira inmediata para evitar “unha perda patrimonial irreparable”.
O voceiro do PSdeG-PSOE en Cartelle, Jesús Pereiras Vázquez, cualifica a situación de “extremadamente preocupante” e critica con dureza a falta de resposta institucional. “O que está pasando coa Torre de Sande é inadmisible”, sinala, antes de afirmar que “estamos vendo como un monumento histórico e protexido como Ben de Interese Cultural se destrúe ante a pasividade absoluta das administracións”.
Pereiras lembra que o PSOE de Cartelle “leva anos advertindo do deterioro progresivo da torre e reclamando intervencións urxentes para garantir a súa conservación, sen que ata o momento se teñan producido avances ou actuacións efectivas”.
Sen acreditación da titularidade
As e os socialistas denuncian que a día de hoxe “segue sen existir unha acreditación clara da titularidade do inmoble, xa que a familia que afirma ser propietaria continúa sen presentar ningún documento que demostre oficialmente esa condición”. “Mentres non se aclara a titularidade e as administracións miran para outro lado, a torre segue deteriorándose día tras día. Cada inverno, cada temporal e cada fenda nova achégannos máis á perda definitiva deste patrimonio”, sinala o portavoz socialista.
Dende o PSdeG-PSOE de Cartelle insisten en que é imprescindible que as administracións actúen con responsabilidade e impulsen os mecanismos necesarios para garantir a protección do monumento. Por iso, volven reclamar o inicio dos trámites para que a Torre de Sande pase a titularidade pública, permitindo así a súa consolidación estrutural, rehabilitación e posta en valor para o conxunto da veciñanza. “Se non se actúa xa, corremos o risco de asistir impotentes á desaparición dun dos símbolos históricos de Cartelle. Non podemos permitir que un BIC remate convertido nunha ruína pola desidia das administracións”, subliña Jesús Pereiras.
Máxima protección patrimonial
O PSdeG-PSOE de Cartelle lembra ademais que a Torre de Sande conta coa máxima protección patrimonial ao estar declarada Ben de Interese Cultural, o que implica obrigas legais claras para as administracións públicas en materia de conservación. Tal e como establece a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia, as administracións teñen o deber de garantir a protección, conservación e evitar a deterioración dos bens catalogados, podendo incluso adoptar medidas cautelares ou executar actuacións subsidiarias cando exista risco para a integridade do patrimonio.
Neste sentido, as e os socialistas advirten de que a inacción institucional podería supoñer un incumprimento das obrigas legais de protección do patrimonio cultural, xa que a normativa autonómica contempla mecanismos para intervir incluso en bens de titularidade privada cando o seu estado supoña perigo de perda ou destrución. “Non se pode permitir que un BIC continúe deteriorándose mentres as administracións se escudan na burocracia. A lei é clara: cando o patrimonio está en risco, hai que actuar”, sinala o portavoz socialista, Jesús Pereiras.

