Executiva Provincial de Ourense POLÍTICA PROVINCIAL

Reunímonos na comarca do Ribeiro para avanzar cas candidaturas para o 2027

O PSDEG-PSOE DE OURENSE MANTÉN UN ENCONTRO NA COMARCA DO RIBEIRO PARA AVANZAR NA PREPARACIÓN DAS CANDIDATURAS MUNICIPAIS DO 2027

O secretario provincial, Álvaro Vila Araújo; o secretario de organización, Antonio González Fiuza; a vicesecretaria xeral, Carmen R. Dacosta; e a secretaria de política municipal, Susana Rodríguez; participaron na reunión xunto con representantes socialistas dos diferentes concellos da comarca e coordinadora comarcal, María Luz Roo Cabo

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense destacan a importancia de “escoitar ás agrupacións locais e analizar a realidade política de cada municipio para preparar as mellores candidaturas posibles de cara ás eleccións municipais

Ribadavia, 17 de marzo de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense continúa coa súa rolda de encontros polas diferentes comarcas da provincia co obxectivo de analizar a situación política de cada territorio e avanzar no proceso de elaboración das candidaturas de cara ás eleccións municipais de 2027. Nesta ocasión, a Executiva Provincial mantivo un encontro con representantes socialistas da comarca do Ribeiro para compartir impresións, avaliar o traballo realizado e comezar a definir a estratexia política nos distintos concellos da bisbarra.

No encontro participaron o secretario provincial, Álvaro Vila Araújo; o secretario de organización, Antonio González Fiuza; a vicesecretaria xeral, Carmen Rodríguez Dacosta; e a secretaria de política municipal, Susana Rodríguez, xunto con cargos orgánicos e institucionais socialistas dos municipios que conforman a comarca tales como Ribadavia, Melón, Carballeda de Avia, Leiro, Cenlle ou A Arnoia, así como a coordinadora comarcal, María Luz Roo Cabo. Durante a reunión analizouse a realidade política de cada concello e abordáronse as principais necesidades do territorio.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense sinalan que este tipo de encontros “permiten manter un contacto directo coas agrupacións locais, coñecer de primeira man as súas inquedanzas e coordinar o traballo político que se está desenvolvendo en cada municipio”. As e os socialistas destacan que o obxectivo é “seguir construíndo candidaturas sólidas, con equipos preparados e comprometidos co desenvolvemento dos seus concellos”.

Reforzar a presenza socialista na comarca

A Executiva Provincial subliña que a comarca do Ribeiro “ten un papel importante dentro do proxecto socialista para a provincia”, polo que o partido traballará para fortalecer a súa presenza institucional nos diferentes municipios.

Na actualidade o PSdeG-PSOE goberna nos concellos de Melón e Carballeda de Avia e conta con representación municipal en Ribadavia, Leiro, A Arnoia, Beade, Cenlle e Castrelo de Miño. O obxectivo marcado de cara ás eleccións municipais de 2027 é consolidar as alcaldías actuais, mellorar os resultados nos concellos nos que xa existe representación e recuperar presenza institucional en municipios como Avión.

Dende o partido destacan tamén a importancia de “seguir percorrendo o territorio, escoitando á militancia e á veciñanza e fortalecendo o proxecto socialista concello a concello”, nun proceso que busca mobilizar ás bases, incorporar novas persoas ao proxecto e consolidar equipos preparados para afrontar os retos de futuro da comarca.