Concello de Ourense deportes termalismo

Solicitamos ao PP e ao BNG a retirada do proxecto de orzamentos do CMD e da ordenanza da piscina de As Burgas

As socialistas solicitan o apoio do PP e do BNG para a retirada do proxecto de orzamentos do CMD e da ordenanza do prezo da piscina de As Burgas

Reclaman que se incorporen os informes preceptivos e que o goberno municipal deixe de improvisar para distraer o foco das súas deficiencias xestionando a terceira cidade de Galicia

En Ourense, a 17 de marzo de 2026. As socialistas do Concello de Ourense solicitan o apoio do PP e do BNG, tal e como lles trasladaron formalmente, para apoiar a retirada do proxecto do orzamento do CMD e da ordenanza do prezo da piscina de As Burgas.

“Onte recibimos a convocatoria dun pleno extraordinario e urxente para este mércores e, levamos tres anos de mandato, acatando plenos extraordinarios no Concello de Ourense non o están a ser. Como tampouco o é a urxencia da aprobación dunha ordenanza municipal para o pago dun prezo pola piscina das Burgas, que leva pechada 6 anos, e non conta cun informe económico que xustifique dito prezo”, sinala a edil do PSdeG María Fernández Ojea incidindo en que o executivo de Gonzalo Pérez Jácome non se xustifica nin a extraordinariedade nin a urxencia para a sesión de mañá.

Nesta liña, as socialistas consideran unha falta de respecto que non se consulte coa oposición as convocatorias dos plenos extraordinarios cando todos e todas as edís deben conciliar a súa vida persoal, laboral e institucional. “Parécenos unha falta de respecto continua e o Pleno é o órgano máis importante de representación política, con datas asignadas, e cuxa urxencia e extrardionariedade só pode ser debida a motivos xurídicos taxados”, critica.

Así as cousas, rexistraron por escrito unha queixa formal polo modo no que se están a realizar as convocatorias de determinadas sesións da Corporación e na que se recolle que: “De acordo co disposto no artigo 46 da Lei 7/1985, Reguladora das Bases do Réxime Local, así como no Real Decreto 2568/1986, polo que se aproba o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, a Alcaldía ostenta a competencia para convocar sesións extraordinarias e, no seu caso, declarar a súa urxencia, sempre que concorran os requisitos legalmente establecidos”.

“O carácter extraordinario e, especialmente, o mecanismo da urxencia, están previstos polo ordenamento xurídico para supostos excepcionais, non para converterse no instrumento de funcionamento da Corporación. As convocatorias fixadas unilateralmente e sen comunicación previa provoca unha preocupante banalización da urxencia e un uso impropio dun mecanismo que debería ser restritivo”, afirman as socialistas no escrito.

Por todo o exposto, exixen que se adopten as medidas oportunas para que, con carácter previo á convocatoria de sesións plenarias extraordinarias, e especialmente das declaradas urxentes, se estableza unha mínima canle de comunicación cos grupos municipais, co fin de facilitar o correcto desenvolvemento da actividade e preservar o respecto institucional debido ao máximo órgano de representación desta Corporación.

Ademais, tamén critican que se volvese a convocar o Consello Municipal de Deportes para un día no que non adoita celebrarse para, entre outros asuntos, aprobar o orzamento provisional do mesmo “sen fiscalizar pola intervención municipal”. “Tampouco entendemos a urxencia de aprobar algo sen fiscalizar cando o Concello de Ourense estivo 6 anos a funcionar sen orzamentos actualizados. O que semella que pretenden é ter a quen culpar por non ser quen de abrir a piscina termal de As Burgas nin aprobar o presuposto do CMD”, remata contundente a edil criticando un comportamento infantil e que denota a incapacidade de gobernar unha cidade.