Deputación de Ourense INCENDIOS INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

Esiximos medidas urxentes ante os incendios de cara ao verán

OS SOCIALISTAS ALERTAN QUE A PROVINCIA SEGUE INDEFENSA ANTE OS INCENDIOS E ESIXEN MEDIDAS URXENTES CARA AO VERÁN 

O Grupo Provincial Socialista leva ao pleno da Deputación unha moción de prevención de incendios, tras comprobar que a Mesa creada en agosto de 2025 aínda non se traduciu en conclusións nin medidas concretas.  

A iniciativa reclama un programa proactivo de apoio técnico aos concellos para a xestión da biomasa nos núcleos rurais, recoñecendo que moitos municipios carecen de medios para afrontala por si sós. 

Os primeiros lumes do ano en Ourense, que deixaron 22,8 hectáreas queimadas o 17 de marzo, confirman a urxencia e a vulnerabilidade na que segue a provincia mentres a Xunta mantén incumpridos os compromisos de Rueda. 

Vilardevós, 20 de marzo de 2026. O Grupo Provincial Socialista leva ao pleno da Deputación unha moción de prevención de incendios forestais e de apoio provincial ante o risco de lumes no verán de 2026. A iniciativa foi presentada pola deputada Eva Pérez Gamote, até hai uns días alcaldesa de Vilardevós, un dos concellos que máis sufriu a vaga do pasado verán e coñecedora de primeira man das carencias dos municipios rurais fronte aos incendios. O diagnóstico dos socialistas é claro: «a provincia afrontará o verán nas mesmas condicións estruturais de vulnerabilidade que o ano pasado, e nin a Xunta nin a Deputación adoptaron medidas diferentes ás de exercicios anteriores», destaca Pérez Gamote. 

A urxencia da iniciativa queda subliñada polos feitos máis recentes. O pasado 17 de marzo a provincia rexistrou o primeiro día do ano con ameaza real de incendios forestais. Pola mañá declarouse un lume no Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés que afectou 22,8 hectáreas de monte raso; pola noite, un segundo incendio con dous focos desenvolveuse en Cardoso, no concello de Viana do Bolo. A temporada de alto risco, que formalmente non comeza até o verán, xera xa alertas nun territorio que aínda non superou o trauma da vaga de agosto de 2025, cando os lumes arrasaron arredor de 138.000 hectáreas do territorio ourensán, concentrando a meirande parte da superficie queimada en Galicia. 

A moción apunta directamente á disfuncionalidade da Mesa Provincial de Incendios creada pola Deputación con grande aparato institucional e que, seis meses despois, non publicou conclusión ningunha nin se traduciu en medida orzamentaria concreta. Por iso, a iniciativa socialista esixe que esas conclusións sexan publicadas e trasladadas ás administracións competentes nun prazo de trinta días, e que a Deputación adopte con cargo ao orzamento de 2026 as medidas preventivas da súa competencia directa. «Queremos medidas de prevención contundentes e apoio firme por parte da administración a todos os concellos da provincia. Estamos moi preto da chegada do calor e queremos evitar que os nosos pobos volvan sufrir o que pasaron o verán pasado», declarou Pérez Gamote. 

A moción inclúe tamén a posta en marcha dun programa de asistencia proactiva aos concellos, mobilizando o servizo técnico de medio ambiente da Deputación e cantos outros servizos provinciais sexan necesarios, para apoiar a tramitación dos expedientes de xestión da biomasa no interior dos núcleos de poboación. Moitos municipios rurais carecen de medios e persoal suficientes para identificar as parcelas con maleza abandonada e tramitar os correspondentes expedientes, o que xera unha vulnerabilidade adicional no corazón dos propios asentamentos. A Deputación ten os recursos técnicos para axudar: o que falta é a vontade política de mobilizalos de xeito sistemático. 

A Xunta, en evidencia 

O texto da moción denuncia a contradición institucional da Xunta de Galicia. O presidente Rueda comprometeu o 9 de setembro de 2025 no Parlamento galego que o Goberno autonómico asumiría directamente a limpeza das franxas secundarias de seguridade nos municipios de menos de 10.000 habitantes —o 82% dos concellos de Galicia—, pero seis meses despois ese compromiso continúa sen materializarse. Ao mesmo tempo, a Xunta mantén a ameaza de reter até un 30% dos fondos de cooperación local aos concellos que non acrediten o cumprimento das súas propias obrigas de vixilancia. Prometer e non cumprir mentres se penaliza quen non pode suplir a túa inacción é, para o GPS, «institucionalmente inaceptable». 

A moción pide ademais que a Xunta presente con carácter inmediato o proxecto da nova Lei Integral de Incendios Forestais, comprometida desde 2021 e recollida como actuación prioritaria no Plan Forestal de Galicia 2021-2040, aprobado cos votos do propio Partido Popular, e que dea a coñecer o Plan Director da Industria Forestal. Segundo a deputada provincial, “sen estes instrumentos normativos, a prevención estrutural seguirá sendo, un ano máis, unha declaración de intencións sen tradución real no territorio”. E engadiu: «os que vivimos no rural sabemos o que supón ver arder o monte e as nosas casas. Non podemos permitir que volva pasar por falta de vontade política».