O PSDEG-PSOE DE OURENSE PROSEGUE REFORZANDO O SEU PROXECTO NAS COMARCAS E REÚNESE COS CONCELLOS DA BISBARRA DE OURENSE PARA TRABALLAR NA CONFECCIÓN DAS CANDIDATURAS PARA AS ELECCIÓNS LOCAIS DO 2027
A Executiva Provincial estivo representada polo secretario provincial, Álvaro Vila; polo secretario de organización, Antonio González Fiuza; pola secretaria de acción electoral, Susana Rodríguez; e pola vicesecretaria xeral, Carmen Rodríguez Dacosta
Durante a reunión, destacouse o traballo desenvolvido polos actuais alcaldes, alcaldesas e portavoces socialistas, que “día a día impulsan políticas útiles para a cidadanía, centradas na mellora dos servizos públicos, o apoio ás familias, o fortalecemento do tecido social e a dinamización económica dos concellos”
O PSdeG-PSOE de Ourense continúa así percorrendo o territorio e reforzando a súa estrutura organizativa, coa vista posta nas eleccións municipais de 2027 e co compromiso de construír un proxecto ambicioso para a bisbarra de Ourense, clave para o conxunto da provincia
Ourense, 20 de marzo de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de manter unha reunión de traballo con voceiros, voceiras, alcaldes e alcaldesas da bisbarra de Ourense, na que participaron representantes da práctica totalidade dos concellos do ámbito comarcal. As e os socialistas sinalan que o obxectivo deste segundo encontro e seguir avanzando na confección das candidaturas de cara ás eleccións municipais de 2027.
A Executiva Provincial estivo representada polo secretario provincial, Álvaro Vila; polo secretario de organización, Antonio González Fiuza; pola secretaria de acción electoral, Susana Rodríguez; pola vicesecretaria xeral, Carmen Rodríguez Dacosta; e polo coordinador comarcal, Brian Diz. No encontro estiveron presentes representantes socialistas dos concellos de Ourense, Amoeiro, A Peroxa, Vilamarín, Barbadás, Toén, Coles, Pereiro de Aguiar, Paderne de Allariz, Maceda, Esgos, Taboadela ou Allariz.






As e os socialistas poñen en valor o peso estratéxico desta comarca, que conta con varios municipios de gran relevancia, ademais de coa capital provincial, sendo clave no reparto dos deputados provinciais na Deputación de Ourense, onde están en xogo 15 actas. Neste senso, subliñan que “o resultado nesta bisbarra será determinante para o futuro goberno provincial”.
Durante a reunión, destacouse o traballo desenvolvido polos actuais alcaldes, alcaldesas e portavoces socialistas, que “día a día impulsan políticas útiles para a cidadanía, centradas na mellora dos servizos públicos, o apoio ás familias, o fortalecemento do tecido social e a dinamización económica dos concellos”.
Neste marco, o PSdeG-PSOE incidiu en que o seu proxecto municipal pasa por seguir aplicando políticas progresistas que permitan fixar poboación no territorio, especialmente no rural, a través de medidas como o acceso á vivenda, a mellora das infraestruturas e servizos básicos, o impulso ao emprego local e o apoio ao comercio de proximidade. Tamén apostan por reforzar os servizos sociais, ampliar recursos para a conciliación, promover a igualdade e avanzar na transición ecolóxica con iniciativas sostibles adaptadas á realidade de cada concello.
Así mesmo, as e os socialistas coincidiron na necesidade de propiciar un cambio político en numerosos municipios da bisbarra, apostando por novos equipos e proxectos que permitan “abrir unha nova etapa baseada na transparencia, na proximidade e na eficacia na xestión pública”. Dende o partido inciden tamén en que o traballo de preparación das candidaturas “vaise facer concello a concello, escoitando á militancia e á cidadanía”, co obxectivo de conformar equipos “fortes, sólidos e capaces de dar resposta aos retos de futuro”.
Con respecto á comarca, a folla de ruta da Executiva Provincial “é apuntalar e reforzar as alcaldías actuais de Amoeiro, Coles, Taboadela, Maceda; recuperar a alcaldía de Barbadás, e buscar mellorar os resultados no resto de municipios, con especial fincapé na cidade de Ourense, para tentar sumar novas alcaldías”. Tamén apostan por lograr representación en Xunqueira da Ambía, o único municipio da bisbarra no que o PSdeG-PSOE no conta con concelleiros ou concelleiras.
O PSdeG-PSOE de Ourense continúa así percorrendo o territorio e reforzando a súa estrutura organizativa, coa vista posta nas eleccións municipais de 2027 e co compromiso de construír un proxecto ambicioso para a bisbarra de Ourense, clave para o conxunto da provincia.

