SUSANA RODRÍGUEZ TOMA POSESIÓN COMO ALCALDESA DE COLES E ABRE UNHA NOVA ETAPA CENTRADA NA PROXIMIDADE COA VECIÑANZA E NO IMPULSO DE PROXECTOS DE FUTURO
A nova rexedora releva a Manuel Rodríguez tras 19 anos á fronte do Concello e asume o cargo co compromiso de “escoitar, decidir e mellorar a vida da xente”, converténdose na primeira muller que asume o bastón de mando no municipio
“A prioridade é clara: que en Coles se poida vivir, traballar e quedar”, afirmou a alcaldesa durante o seu discurso, no que tamén reivindicou o papel do municipalismo como a política “que máis transforma a vida cotiá da xente”
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense salienta o perfil de Susana Rodríguez como unha persoa “próxima, coñecedora do territorio e comprometida co municipalismo, entendendo este como a ferramenta política máis eficaz para transformar a vida cotiá da cidadanía”
Coles, 21 de marzo de 2026. Susana Rodríguez Rodríguez tomou hoxe posesión como nova alcaldesa do concello de Coles, converténdose na primeira muller en ocupar a alcaldía. A rexedora socialista asume o cargo trala renuncia de Manuel Rodríguez, que deixa o posto despois de 19 anos ao fronte do concello.
Durante a súa intervención, a nova alcaldesa de Coles subliñou a responsabilidade que supón asumir o goberno municipal no último ano de mandato, unha circunstancia que, segundo destacou, “non é unha debilidade, senón unha responsabilidade engadida para dar continuidade ao traballo realizado e, ao mesmo tempo, iniciar unha nova etapa política”.
Susana Rodríguez puxo en valor o significado do seu nomeamento como un avance real en igualdade. “Non é só un símbolo, é romper unha inercia histórica e ese teito de cristal que durante demasiado tempo afastou ás mulleres dos espazos de decisión”, afirmou. Neste senso, lembrou as palabras da presidenta de México, Claudia Sheinbaum “non chego soa, chegamos todas” para reivindicar o papel das mulleres na vida pública. Rodríguez agradeceu a confianza do seu grupo de goberno, o apoio do seu entorno persoal e o traballo do persoal municipal, ao tempo que apelou ao diálogo e ao respecto entre todas as forzas políticas. “Este salón de plenos debe ser un espazo de debate serio, afastado do ruído, da mentira e do insulto”, apuntou.






Na súa intervención, tivo tamén palabras de recoñecemento para o seu antecesor, Manuel Rodríguez, a quen agradeceu “case vinte anos de traballo que transformaron por completo Coles”, destacando avances na avances na ordenación do territorio, nas infraestruturas, nos servizos públicos e na protección do medio ambiente. “Del aprendín que a política municipal non se fai desde un despacho, senón escoitando e estando ao carón da xente”, afirmou.
A nova rexedora asegurou que ese será o eixo do seu mandato: un goberno de proximidade, con presenza nos 92 núcleos do municipio e centrado en atender as necesidades reais da veciñanza.
Folla de ruta para o futuro de Coles
Susana Rodríguez avanzou algunhas das liñas estratéxicas que marcarán esta nova etapa, entre elas o desenvolvemento da finca do Diestro como espazo de lecer e deporte; a conexión peonil entre Ourense e Os Peares cunha zona de baño fluvial; a recuperación de terras abandonadas mediante polígonos agro forestais; a posta en valor de vivendas en ruína para facilitar a súa incorporación ao mercado; e a aposta por un modelo enerxético máis sostible baseado na enerxía fotovoltaica.
Estas iniciativas, explicou, forman parte dunha folla de ruta orientada a “modernizar Coles, sen perder a súa identidade”, reforzando os servizos públicos, a calidade de vida e as oportunidades no rural. “A prioridade é clara: que en Coles se poida vivir, traballar e quedar”, afirmou a alcaldesa, quen reivindicou o papel do municipalismo como a política “que máis transforma a vida cotiá da xente”.
Rodríguez concluíu a súa intervención reafirmando o seu compromiso de gobernar desde a proximidade: “Non prometo non equivocarme, pero si teño claro como vou gobernar: estando ao carón da xente, traballando e tomando decisións”.
Continuidade dun proxecto político sólido
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense valoran moi positivamente a toma de posesión de Susana Rodríguez como nova alcaldesa de Coles, sinalando que “estamos ante un fito histórico ao converterse na primeira muller en ocupar a alcaldía do municipio”. As e os socialistas destacan que “este relevo garante a estabilidade do goberno municipal e a continuidade dun proxecto político sólido, ao tempo que abre unha nova etapa con identidade propia, baseada na proximidade, a escoita activa e a toma de decisións orientadas a mellorar a vida da veciñanza”.
O PSOE Ourense salienta tamén o perfil de Susana Rodríguez como unha persoa “próxima, coñecedora do territorio e comprometida co municipalismo, entendendo este como a ferramenta política máis eficaz para transformar a vida cotiá da cidadanía”. As e os socialistas reafirman o seu apoio ao equipo de goberno e amosan a súa confianza en que esta nova etapa “permitirá seguir avanzando nun modelo de concello máis xusto, igualitario e con futuro”.

