O PSDEG-PSOE DE OURENSE CELEBRA A RECUPERACIÓN DAS FRECUENCIAS DO AVE NA ESTACIÓN DA GUDIÑA E REIVINDICAN OS MESES DE INTENSO TRABALLO A TÓDOLOS NIVEIS PARA QUE AS RECLAMACIÓNS FOSEN ESCOITADAS
As e os socialistas subliñan que este avance “non é froito da casualidade”, senón do traballo constante desenvolvido durante meses, tanto a nivel local como provincial, galego e estatal, así como do apoio “firme” ás demandas da veciñanza
Subliñan que “fronte a quen optou pola confrontación estéril ou os xestos de cara á galería, as e os socialistas apostamos polo traballo serio e eficaz, trasladando de forma constante as demandas da veciñanza e exercendo unha presión política determinante que hoxe comeza a dar resultados”
Advirten de que esta mellora no servizo ferroviario debe ir acompañada dunha actuación inmediata por parte da Xunta de Galicia na frecuencias das liñas de autobuses que conectan as diferentes bisbarras coa estación da Gudiña
“De pouco serve recuperar trens se a Xunta mantén un sistema de autobuses descoordinado, con horarios que non permiten nin chegar á estación nin regresar ás casas en condicións”, denuncia o secretario provincial, Álvaro Vila
A Gudiña, 23 de marzo de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense celebra a recuperación das frecuencias do AVE na estación da Gudiña – Porta de Galicia, tralo anuncio de hoxe por parte de Renfe e do Goberno. As e os socialistas destacan que “os meses de traballo intenso a tódolos niveis institucionais deron por fin os seus froitos e a reivindicación da cidadanía e veciñanza das comarcas do oriente ourensán foron escoitadas”.
A partir do 20 de maio, recuperarase a frecuencia horaria a primeira hora da mañá, cun tren que parará na Gudiña ás 7:44 horas e que chegará a Madrid ás 10:13 minutos. Un axuste que permitirá unha mellor mobilidade de primeira hora da mañá e regresar no mesmo día. No relativo as viaxes dende Madrid con destino Ourense, A Coruña, Santiago ou Vigo, tamén haberá variacións, cun tren que sairá da capital ás 6:55 e fará parada na Gudiña 9:02 para proseguir cara o resto de Galicia.
Dende a organización provincial subliñan que este avance “non é froito da casualidade”, senón do traballo constante desenvolvido durante meses, tanto a nivel local como provincial, galego e estatal, así como do apoio “firme” ás demandas da veciñanza. Tal e como apuntan as e os socialistas ourensáns “dende o primeiro momento asumimos as reivindicacións como propias e convertémolas nunha prioridade política, levando a cabo unha intensa axenda de traballo con reunións, iniciativas institucionais e contacto permanente cos responsables estatais”. Unha labor que consideran “constante, silenciosa pero eficaz” e que tal e como apuntan “foi clave para desbloquear unha situación inxusta que prexudicaba gravemente ás comarcas do oriente ourensán”.
Asemade, o PSdeG-PSOE de Ourense lembra que subscribiu e apoiou dende o primeiro momento as reivindicacións da Plataforma Dereito ao Tren, por consideralas “fundamentais e transcendentes para as comarcas afectadas e para o conxunto da provincia”. As e os socialistas coincidiron sempre na necesidade de “recuperar as frecuencias perdidas a primeira hora da mañá e a última hora do día para facilitar as conexións e a mobilidade da veciñanza”.















No marco deste traballo, responsables do PSdeG-PSOE de Ourense mantiveron diferentes encontros coa plataforma, trasladándolle que “levamos meses traballando arreo nas distintas institucións para que a estación da Gudiña recupere as frecuencias do AVE”. Así, destacan a coordinación a tódolos niveis: “dende o ámbito local, cos alcaldes e alcaldesas da comarca ao fronte; a nivel provincial, dende a Executiva; no ámbito galego e tamén estatal, onde as nosas representantes levan meses traballando para lograr este obxectivo”.
As e os socialistas seguen incidindo en que o tren “non é un luxo, senón un dereito básico da cidadanía” e advirten de que “sen conexións útiles estamos condenando o rural ao illamento e a un lento esmorecemento”. Neste sentido, lembran que “levamos décadas loitando por contar con infraestruturas de calidade, pero de pouco serve ter unha estación moderna se os horarios non son prácticos para a veciñanza”. “Non pedimos privilexios, senón algo tan básico como que os horarios permitan ir e volver no día a Madrid e outros destinos, acudir a citas médicas, facilitar a mobilidade dos estudantes ou garantir o acceso aos servizos básicos sen depender do coche privado”, sinalan.
O PSdeG-PSOE de Ourense subliña que “fronte a quen optou pola confrontación estéril ou os xestos de cara á galería, as e os socialistas apostamos polo traballo serio e eficaz, trasladando de forma constante as demandas da veciñanza e exercendo unha presión política determinante que hoxe comeza a dar resultados”. “Namentres outros facían vídeos con nocturnidade e aleivosía, o PSOE traballaba arreo en Madrid para lograr a recuperación das frecuencias”, subliñan as e os socialistas, que poñen en valor unha estratexia baseada no diálogo, na presión institucional e na defensa firme dos intereses da provincia en todos os espazos de decisión.
A Xunta debe adaptar con urxencia o transporte por autobús
As e os socialistas advirten de que esta mellora no servizo ferroviario debe ir acompañada dunha actuación inmediata por parte da Xunta de Galicia. Neste sentido, instan ao Goberno galego a “readaptar con urxencia” as frecuencias do transporte por autobús nas comarcas de Valdeorras, Verín, Viana, Trives e no conxunto do oriente ourensán, co obxectivo de garantir “conexións reais” cos novos horarios do AVE.
“De pouco serve recuperar trens se a Xunta mantén un sistema de autobuses descoordinado, con horarios que non permiten nin chegar á estación nin regresar ás casas en condicións”, denuncia o secretario provincial, Álvaro Vila Araújo.
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense sinalan que a falta de integración entre tren e autobús “é unha das grandes eivas da política de mobilidade da Xunta”, á que acusan de “non estar á altura das necesidades do rural”. Por iso, esixen ao executivo autonómico que “abandone a inacción e poña en marcha de inmediato unha planificación coordinada do transporte público que garanta unha mobilidade real, sostible e adaptada ao territorio”.
Compromiso co futuro do rural
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense reafirman con rotundidade que “Galicia e a provincia precisan dun rural vivo, próspero e conectado co resto do país e de Europa” e subliñan que “sen un servizo ferroviario eficaz e adaptado ás necesidades reais da poboación, estamos condenando estas comarcas ao despoboamento acelerado”.
“As e os socialistas levamos anos defendendo a igualdade territorial e os servizos públicos de calidade. Esta non é unha reivindicación puntual, senón unha loita estrutural polo futuro do rural galego”, conclúen.

