Deputación de Ourense INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

Reclamamos unha posición da Deputación en defensa da viabilidade dos concellos

O GRUPO PROVINCIAL SOCIALISTA RECLAMA UNHA POSICIÓN COMÚN DA DEPUTACIÓN EN DEFENSA DA VIABILIDADE DOS CONCELLOS ANTE A LEI DE ADMINISTRACIÓN LOCAL DE GALICIA

O municipalismo ourensán arrastra un déficit estrutural de anos: o Fondo de Cooperación Local está conxelado desde 2010 e 36 dos 92 concellos da provincia presentan riscos reais para a súa viabilidade económica.

O goberno provincial recoñeceu nas súas alegacións o limitado do Fondo e o problema das competencias impropias, pero propuxo ao mesmo tempo reducir do 20% ao 10% a obriga de destinar fondos propios á cooperación municipal.

A moción insta a defender ante o Parlamento de Galicia a supresión das fusións municipais obrigatorias sen referendo previo e a reformulación dos criterios de reto demográfico, que deixan fóra ducias de municipios ourensáns.

Ourense, 23 de marzo de 2026. O déficit estrutural do municipalismo ourensán está no centro da moción que o Grupo Provincial Socialista vén de presentar na Deputación de Ourense. O Fondo de Cooperación Local permanece conxelado desde o ano 2010 en 112,9 millóns de euros, sen actualización malia un incremento acumulado do IPC superior ao 33,7%. A FEGAMP estima o custo das competencias impropias entre 600 e 700 millóns de euros anuais para o conxunto do municipalismo galego. «Esta lei é a oportunidade histórica de corrixir ese desequilibrio estrutural que ten a Ourense ao límite», afirmou o voceiro Álvaro Vila.

O Consello de Contas advertiu que 36 dos 92 concellos presentan riscos reais para a súa viabilidade económica. A Deputación recoñeceu nas súas alegacións a insuficiencia do Fondo e o problema das competencias impropias, e reclamou á Xunta máis recursos. Pero ao mesmo tempo propuxo reducir do 20% ao 10% a obriga de destinar fondos propios á cooperación municipal. «O PP pídelle ao goberno autonómico que destine máis, pero propón que a propia Deputación destine a metade do mínimo que prevé a lei. Iso non é defensa do municipalismo: é mera retórica», afirmou Vila.

A moción defende o limiar mínimo do 20% de fondos propios da Deputación para cooperación municipal e reclama á Xunta o financiamento do 100% do custo real das competencias que a norma atribúa ás entidades locais. «Os concellos non poden seguir asumindo servizos autonómicos cos seus propios recursos mentres o Fondo de Cooperación permanece conxelado desde hai quince anos», dixo Vila. A iniciativa aspira a acabar co mecanismo polo que os concellos sufragan competencias autonómicas para que a nova lei represente un avance real.

Fusións obrigatorias e criterios de reto demográfico

O anteproxecto habilita á Xunta para decretar fusións municipais obrigatorias sen esixir referendo previo nin aprobación por lei do Parlamento. A FEGAMP, que representa aos 313 concellos e ás 4 deputacións galegas, pediu a supresión ou modificación substancial deste artigo, esixindo que calquera fusión requira referendo previo ao amparo da Carta Europea de Autonomía Local. Segundo Vila, “a medida carece de precedentes noutras normas autonómicas. Con 92 concellos, moitos dos cales reúnen as condicións que o texto establece para activar unha fusión forzosa, a Deputación non pode quedar en silencio».

O anteproxecto de Lei define os municipios en situación de reto demográfico con até catro criterios acumulativos. A FEGAMP realizou unha simulación con datos de 2025 e demostrou que estes criterios deixarían fóra do réxime especial a máis da metade dos concellos galegos menores de 5.000 habitantes, entre eles municipios ourensáns con poboación en declive real como Amoeiro, Boborás, Cartelle, Maceda ou A Pobra de Trives. «Un réxime especial que exclúe precisamente a quen máis o necesita non é un réxime especial», denunciou o voceiro socialista.

O anteproxecto iniciará a tramitación parlamentaria no verán de 2026, tras o peche do prazo de alegacións o pasado 23 de febreiro. A Deputación de Ourense é o goberno da provincia con maior densidade municipal de España, e o Grupo Socialista considera que a corporación ten a obriga de expresar a súa posición antes de que o texto chegue ao Parlamento. «Pedimos que esta institución se posicione co respaldo democrático que só un acordo do Pleno pode conferir, e que o faga cunha auténtica defensa dos 92 concellos da provincia», concluíu Álvaro Vila.