O PSDEG-PSOE DE OURENSE REÚNESE COS REPRESENTANTES DA COMARCA DO CARBALLIÑO, UN TERRITORIO “CLAVE” PARA O FUTURO POLÍTICO DA PROVINCIA
A Executiva Provincial volveu reunir a cargos orgánicos e institucionais da comarca para facer seguimento do traballo e avanzar na construción dunha alternativa sólida fronte ás políticas do PP, que cualifican de “continuistas e baseadas en dinámicas caciquís que frean o desenvolvemento dos concellos”
O PSOE ourensán subliña que o Carballiño e a súa comarca “xogan un papel determinante no futuro da provincia” e inciden en que os resultados electorais nesta zona “serán clave para abrir unha nova etapa tamén na Deputación de Ourense”
A Executiva Provincial fai fincapé en que “fronte a un modelo esgotado, baseado no inmobilismo e no control político das institucións, o PSdeG-PSOE ofrece unha alternativa centrada nas persoas, no equilibrio territorial e no desenvolvemento sostible da provincia”
O Carballiño, 24 de marzo de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense intensifica o seu traballo na comarca do Carballiño cunha nova reunión comarcal, a segunda en poucos meses, coa que as e os socialistas reafirman o seu compromiso cun territorio “clave” para o futuro político da provincia e tamén “determinante” no equilibrio de forzas na Deputación de Ourense.
A Executiva Provincial volveu reunir a cargos orgánicos e institucionais da comarca para facer seguimento do traballo iniciado e avanzar na construción dunha alternativa sólida fronte ás políticas do Partido Popular, que cualifican de “continuistas e baseadas en dinámicas caciquís que frean o desenvolvemento real dos concellos”. No encontro participaron o secretario provincial, Álvaro Vila Araújo; o secretario de organización, Antonio González Fiuza; a secretaria de política municipal, Susana Rodríguez Estévez; e a vicesecretaria xeral, Carmen Rodríguez Dacosta, xunto con representantes socialistas do Carballiño, Maside, Punxín, Boborás e O Irixo. Durante a xuntanza analizouse a situación política da comarca e puxéronse en común as principais demandas da veciñanza.






As e os socialistas salientan que este segundo encontro “permítenos dar continuidade ao traballo iniciado, reforzar a coordinación coas agrupacións locais e seguir escoitando as inquedanzas da militancia e da veciñanza”. Neste senso, subliñan que o obxectivo é “afianzar unha estrutura sólida na comarca e avanzar na construción de candidaturas fortes, preparadas e conectadas coa realidade de cada concello”.
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense aseguran que “esta comarca non pode seguir condicionada por inercias do pasado nin por redes clientelares que só buscan perpetuarse no poder”, e defenden que “o cambio real nos concellos e tamén na Deputación só será posible da man dun proxecto socialista forte, renovado e pegado ao territorio”.
Unha comarca decisiva para o cambio político na provincia
O PSOE ourensán subliña que o Carballiño e a súa comarca “xogan un papel determinante no futuro da provincia” e inciden en que os resultados electorais nesta zona “serán clave para abrir unha nova etapa tamén na Deputación de Ourense”. Na actualidade, o PSdeG-PSOE goberna nos concellos do Carballiño e Maside e conta con representación en Punxín, Boborás e O Irixo. De cara ás eleccións municipais de 2027, o obxectivo é “consolidar e ampliar esa presenza institucional, sumar novas alcaldías e garantir que máis concellos conten con gobernos progresistas que poñan fin ás políticas do PP”. Aspiran a lograr representación en San Amaro, Piñor, San Cristovo de Cea ou Beariz.
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense inciden tamén na importancia de “seguir percorrendo o territorio, manter un contacto permanente coas agrupacións locais e abrir o partido á sociedade”, nun proceso orientado a mobilizar ás bases, incorporar novas persoas ao proxecto socialista e consolidar equipos capaces de dar resposta aos retos presentes e futuros da comarca.
A Executiva Provincial fai fincapé en que “fronte a un modelo esgotado, baseado no inmobilismo e no control político das institucións, o PSdeG-PSOE ofrece unha alternativa centrada nas persoas, no equilibrio territorial e no desenvolvemento sostible da provincia”. Neste senso, destacan a importancia de “seguir mobilizando á militancia, abrir o partido á sociedade e construír candidaturas gañadoras en cada concello”, convencidos de que “Ourense necesita un cambio e ese cambio pasa inevitablemente por reforzar o proxecto socialista en comarcas como a do Carballiño”.

