Deputación de Ourense INCENDIOS POLÍTICA PROVINCIAL Transporte

Satisfacción pola recuperación das frecuencias do AVE na Gudiña

ÁLVARO VILA AMOSA A SÚA SATISFACCIÓN POLA RECUPERACIÓN DAS FRECUENCIAS DO AVE NA ESTACIÓN DA GUDIÑA E DESTACA O COMPROMISO E TRABALLO DO PSDEG-PSOE DE OURENSE PARA LOGRALO

Afirmou que  esta mellora “permite restablecer enlaces tanto á primeira hora da mañá como á última da tarde con Madrid e Ourense, dando resposta a unha reivindicación sostida por veciños, colectivos e polo propio PSOE de Ourense”

Álvaro Vila aproveitou para por o foco en Barbadás e máis concretamente no alcalde, ao que acusou de “neglixencia política, bloqueo administrativo e unha estratexia deliberada para desviar a atención da súa propia responsabilidade”

Vila foi taxativo ao sinalar que Taboadela cumpriu “de maneira escrupulosa e en prazo” con todos os requisitos esixidos para a concesión da subvención do obradoiro, incluída a presentación da conta xeral con antelación suficiente

Apuntou que o concello de Barbadás, como entidade promotora do obradoiro, “deixou pasar os prazos de maneira incomprensible” ao non presentar o recurso correspondente ante a Xunta de Galicia, a pesar de contar con toda a documentación necesaria

Vila denunciou que, lonxe de asumir a súa responsabilidade, o alcalde de Barbadás optou por “mentir, intoxicar e sinalar a terceiros”, impulsando unha campaña de desinformación que cualificou de “inaceptable nunha institución pública”

Ourense, 24 de marzo de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense celebra a recuperación das frecuencias do AVE na estación de tren da Gudiña, tras meses de reivindicacións veciñais. Así o puxo de manifesto o voceiro do grupo provincial socialista na Deputación de Ourense e secretario provincial, Álvaro Vila, quen amosou a súa satisfacción pola recuperación das conexións ferroviarias na Gudiña, unha demanda do oriente ourensán que volve ser unha realidade tras meses de mobilización social e institucional.

Durante unha rolda de prensa celebrada en Ourense, Vila destacou que esta mellora “permite restablecer enlaces tanto á primeira hora da mañá como á última da tarde con Madrid e Ourense, dando resposta a unha reivindicación sostida por veciños, colectivos sociais e polo propio PSdeG-PSOE de Ourense”.

“O compromiso do PSOE foi total desde o primeiro momento, traballando xunto á cidadanía e trasladando as súas demandas tanto a Renfe como ao Ministerio”, subliñou. Neste senso, puxo en valor a implicación de todas as estruturas do partido, tanto a nivel local como provincial, autonómico e estatal, ata acadar a recuperación dunhas frecuencias “clave para a vertebración do territorio”.

Iniciativas ao pleno: prevención de incendios e modelo de administración local

Durante a súa comparecencia, o voceiro do grupo provincial socialista tamén avanzou as dúas mocións que o PSdeG-PSOE de Ourense defenderá no vindeiro pleno da Deputación de Ourense.

Por unha banda, alertou da falta de avances en materia de prevención de incendios forestais, denunciando que a Xunta “desaproveitou todo o inverno” sen implementar medidas eficaces. Álvaro Vila criticou que, a finais de marzo, a situación sexa practicamente idéntica á do ano pasado, cos concellos “atados de mans” e sen ferramentas legais suficientes para actuar nas franxas secundarias ou nos núcleos urbanos. “Todo segue a fiarse á climatoloxía e aos medios de extinción, en lugar de apostar decididamente pola prevención”, advertiu.

Por outra banda, o PSOE levará ao pleno o debate sobre o anteproxecto de Lei de Administración Local de Galicia. Vila reclamou un posicionamento político claro da Deputación ante o que considera unha “intromisión crecente” da Xunta nas competencias municipais e provinciais, sen o correspondente financiamento. O grupo socialista defende abrir un debate institucional que aborde cuestións como a asunción de competencias impropias, o financiamento local ou a actualización do Fondo de Cooperación Local, conxelado desde 2009.

Barbadás: neglixencia, bloqueo e unha fuxida cara adiante do seu alcalde para tapar a inacción e as responsabilidades da nefasta xestión

Álvaro Vila aproveitou a rolda de prensa celebrada esta mañá para por o foco no concello de Barbadás e máis concretamente do seu alcalde, ao que acusou directamente de “neglixencia política, bloqueo administrativo e unha estratexia deliberada para desviar a atención da súa propia responsabilidade”, en relación as últimas declaracións feitas polo rexedor deste concello nos medios de comunicación e polas “constantes mentiras e falacias vertidas tanto en prensa como nas institucións”.

Vila foi taxativo ao sinalar que o concello de Taboadela cumpriu “de maneira escrupulosa e en prazo” con todos os requisitos esixidos para a concesión da subvención do obradoiro, incluída a presentación da conta xeral con antelación suficiente. Fronte a iso, sinalou que o concello de Barbadás, como entidade promotora do obradoiro, “deixou pasar os prazos de maneira incomprensible” ao non presentar o recurso correspondente ante a Xunta de Galicia, a pesar de contar con toda a documentación necesaria.

“Isto non é un erro puntual, é unha cadea de irresponsabilidades que remata coa perda dunha oportunidade clave para tres concellos”, afirmou. Vila denunciou que, lonxe de asumir a súa responsabilidade, o alcalde de Barbadás optou por “mentir, intoxicar e sinalar a terceiros”, impulsando unha campaña de desinformación que cualificou de “inaceptable nunha institución pública”.

Especialmente grave considerou que se puxese en cuestión o traballo de funcionarios públicos. “Cando se cruzan certas liñas e se intenta manchar o labor técnico para tapar a propia incompetencia política, estamos ante un comportamento intolerable” apuntou.

O dirixente socialista advertiu de que esta actitude responde a “un intento desesperado de fuxir das propias responsabilidades mediante o ruído e a confrontación persoal”, e deixou claro que non vai entrar nesa dinámica no seo da Deputación.

Así mesmo, non descartou accións legais ante “acusacións veladas e insinuacións moi graves” sobre a suposta manipulación de documentación oficial. “A realidade é incontestable: a subvención perdeuse única e exclusivamente pola deixadez e a falta de dilixencia do goberno de Barbadás. Todo o demais é unha cortina de fume”, concluíu.