concellos Denuncias

O PSOE de Leiro denuncia no Consello de Contas o pleno de orzamentos

O PSDEG-PSOE DE LEIRO IMPUGNA O PLENO DE ORZAMENTOS E RETRIBUCIÓNS POR “FRAUDE DE LEI” DO GOBERNO MUNICIPAL E ELEVA ANTE O CONSELLO DE CONTAS UNHA DENUNCIA FORMAL

Denuncian que, a pesar de que o pleno foi convocado o pasado 13 de marzo, o alcalde negou “sistematicamente” o acceso ao expediente á oposición durante toda a semana previa

Consideran que esta situación «é un atropelo democrático sen precedentes en Leiro” e apuntan que o goberno local “pretende que fiscalicemos os soldos de tres concelleiros e as contas municipais con apenas unha hora e media de tempo de oficina, que foi o único prazo real que tivemos antes do pleno «

«Non imos ser cómplices deste teatro”, afirman Manuel Rodríguez e Pedro José González, que tamén sinalan que o goberno de Leiro “amosou un desprezo absoluto pola legalidade e polos dereitos de representación dos veciños”

Leiro, 25 de marzo de 2026. O PSdeG-PSOE de Leiro impugna o pleno de orzamentos e retribucións a tres concelleiros celebrado o pasado luns ante o que consideran unha “indefensión absoluta” e un “fraude de lei” por parte do alcalde e o seu equipo de goberno. As e os socialistas, ante a gravidade dos feitos, xa presentaron un escrito de denuncia ante o Consello de Contas.

O grupo municipal socialista de Leiro, representado polo seu voceiro, Manuel Rodríguez Vázquez, e polo voceiro adxunto, Pedro José González, explica que durante o pleno celebrado o pasado luns “optamos por abandonar a sesión extraordinaria tras denunciar unha manobra ilegal do goberno municipal para ocultar información esencial sobre o orzamento 2026 e a aprobación de retribucións para tres concelleiros do equipo de goberno”.

Ocultación de informes

O PSOE de Leiro denuncia que, a pesar de que o pleno foi convocado o pasado 13 de marzo, o alcalde negou “sistematicamente” o acceso ao expediente á oposición durante toda a semana previa. Tal e como apuntan “de forma inaudita, a documentación técnica e os informes xurídicos clave non foron facilitados ata o sábado 21 de marzo ás 8:18 horas da mañá, mediante un correo electrónico enviado en día inhábil”.

Rodríguez e González consideran que esta situación «é un atropelo democrático sen precedentes en Leiro” e apuntan que o goberno local “pretende que fiscalicemos os soldos de tres concelleiros e as contas municipais con apenas unha hora e media de tempo de oficina, que foi o único prazo real que tivemos antes do pleno «.

Un pleno en «fraude de lei» e denuncia ante o Consello de Contas

Dende o PSdeG-PSOE de Leiro destacan a “gravidade” de que o pleno fora convocado oficialmente como extraordinario, pero que ao inicio da sesión o alcalde “intentara emendar a falta de documentación sometendo a votación unha ratificación da urxencia que non figuraba na orde do día”. Segundo as e os socialistas, esta manobra “constitúe un fraude de lei para intentar validar un expediente que incumpriu os prazos legais de exposición pública”.

Ante esta situación o grupo municipal socialista xa rexistrou unha denuncia formal ante o Consello de Contas de Galicia, achegando as probas gráficas do envío de documentación fóra de prazo e a impugnación rexistrada ás 09:15 horas do luns no rexistro municipal. «Non imos ser cómplices deste teatro”, afirman Manuel Rodríguez e Pedro José González, que tamén sinalan que o goberno de Leiro “amosou un desprezo absoluto pola legalidade e polos dereitos de representación dos veciños”. Os concelleiros socialistas conclúen sinalando que “defenderemos a transparencia en Leiro ante as instancias que sexa necesario”.