O PP BLOQUEA O 20% PARA OS CONCELLOS MENTRES OS SOCIALISTAS LOGRAN UN ACORDO PARA DEFENDELOS DAS FUSIÓNS FORZOSAS E DO RETO DEMOGRÁFICO
O Pleno aprobou por maioría tres dos cinco acordos da moción do Grupo Provincial Socialista sobre o Anteproxecto de Lei de Administración Local, os relativos ás fusións obrigatorias, ao reto demográfico e ao Pacto Local de 2006
Os populares rexeitaron defender ante o Parlamento o limiar do 20% para cooperación municipal, a pesares de reclamar á Xunta máis fondos para os concellos nas súas propias alegacións ao anteproxecto
As e os socialistas lideraron un debate tenso sobre incendios forestais no que un PP á defensiva, non ofreceu compromisos concretos, en vésperas dun verán que os expertos consideran de alto risco para a provincia.
Ourense, 27 de marzo de 2026. O pleno ordinario da Deputación de Ourense aprobou por maioría tres dos cinco acordos da moción que o Grupo Provincial Socialista presentou sobre o Anteproxecto de Lei de Administración Local de Galicia. Defendida polo voceiro Álvaro Vila Araújo, secretario provincial do PSdeG-PSOE, a iniciativa conseguiu sacar adiante os puntos relativos á esixencia de referendo previo para calquera fusión municipal obrigatoria, á reformulación dos criterios acumulativos de reto demográfico e á incorporación dun calendario vinculante para o cumprimento do Pacto Local. “A nova lei é a ocasión de corrixir o desequilibrio estrutural que sofre o municipalismo ourensán desde hai anos”, afirmou Vila.
O PP rexeitou, en cambio, os puntos primeiro e quinto da moción socialista. Negouse a comprometerse a defender ante o Parlamento o limiar mínimo do 20% dos recursos ordinarios das deputacións para cooperación municipal e a reclamar á Xunta o financiamento do 100% das denominadas “competencias impropias” atribuídas ás entidades locais. Con ese voto, o goberno provincial deixou sen respaldo o núcleo do problema que o Grupo Socialista vén denunciando desde o inicio do mandato: o déficit de financiamento que pon en risco a viabilidade de 36 dos 92 concellos da provincia.
Vila subliñou a contradición de fondo. “As alegacións que o propio goberno provincial presentou ao Anteproxecto recoñecen a insuficiencia do Fondo de Cooperación Local e o problema das competencias impropias, e reclaman á Xunta máis recursos para os concellos”, salientou Vila. Ao mesmo tempo, a corporación provincial propón nestas alegacións a redución do 20% ao 10% a obriga de destinar fondos propios á cooperación municipal. “O PP pídelle á Xunta que faga máis e propón que a Deputación faga a metade. Iso non é defensa do municipalismo”, dixo o voceiro socialista.
O Grupo Socialista considera que a Deputación, como goberno da provincia con maior densidade municipal de España, ten a obriga de posicionarse antes de que o texto chegue ao Parlamento. Ourense concentra 92 concellos, a maioría con poboación en declive e con dificultades estruturais de financiamento. O texto actual deixaría fóra do réxime especial de reto demográfico municipios como Amoeiro, Boborás, Cartelle, Maceda ou A Pobra de Trives, segundo simulacións da FEGAMP. “Con 92 concellos, moitos dos cales reúnen as condicións para activar unha fusión forzosa, non podemos quedar en silencio”, advertiu Vila.
Debate sobre incendios forestais sen compromisos do PP
Na outra iniciativa que os socialistas levaron a Pleno, a deputada Eva Pérez Gamote introduciu o debate sobre prevención de incendios forestais e medidas de apoio provincial ante o risco de lumes no verán de 2026. “O PP mantívose á defensiva durante un debate tenso, sen ofrecer compromiso concreto ningún, malia que a Mesa de Incendios constituída pola propia Deputación non publicou as súas conclusións até a mesma mañá do pleno nin trasladou medida ningunha aos orzamentos provinciais”, fincou Pérez Gamote. A moción saíu adiante co voto favorable do Grupo Provincial Socialista e do BNG, e a abstención do PP.
Para Pérez Gamote, o resultado reflicte a incapacidade do goberno provincial de asumir as súas responsabilidades ante unha emerxencia anunciada. “A Mesa de Incendios non publicou ningunha conclusión, os orzamentos non recollen ningunha medida nova e o presidente da Xunta leva seis meses sen cumprir o compromiso de limpar as franxas secundarias”, salientou a deputada. “O PP non foi capaz de votar en contra, pero tampouco foi capaz de comprometerse con nada”, declarou. Desde o Grupo Socialista lembrou que os expertos están a dicir que un inverno e unha primavera tan húmidos como os actuais xerarán unha acumulación excepcional de biomasa nos montes, o que fai aínda máis urxente actuar antes de que chegue o verán.

