Concello de Ourense obras

Reclamamos, xunto a PP e BNG, solucións urxentes para o desbloqueo da Av. de Portugal

RECLAMAMOS AO GOBERNO MUNICIPAL SOLUCIÓNS URXENTES E INFORMACIÓN CLARA Á VECIÑANZA PARA DESBLOQUEAR A PARALIZACIÓN DAS OBRAS DA AVENIDA DE PORTUGAL

En Ourense, a 26 de marzo do 2026. Os tres grupos da oposición do Concello de Ourense – PP, PSOE e BNG- presentaron esta mañá unha moción conxunta de urxencia ao pleno extraordinario que está convocado para o vindeiro luns 30 de marzo, na que esixen ao Alcalde información e solucións urxente ante a gravidade dos problemas que está a provocar a paralización das obras da Avenida de Portugal. Un dos principais eixos de Ourense, tanto desde o punto de vista da mobilidade, como da actividade económica e social e que mantén a comerciantes e veciñanza nun limbo.

Dende os tres grupos manifestan que esta paralización está a provocar un escenario de deterioro urbano e social cun prexuízo directo á calidade de vida da veciñanza e á actividade económica da zona, xerando ademais unha crecente desconfianza cara á xestión municipal e require dunha resposta inmediata por parte da Corporación, non podendo demorarse a súa análise e adopción de medidas. 

Por todo isto, o Grupo Municipal Municipal Popular, o Grupo Municipal Socialista e o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego instan ao goberno Municipal a dar conta urxente do estado completo do expediente, incluíndo a situación contractual, as causas da paralización e a previsión real de remate cun calendario claro, público e detallado de execución, a adopción de medidas urxentes de limpeza, acondicionamento e mellora do estado xeral da rúa, coa retirada inmediata de materiais; a realización  dunha avaliación das perdas económicas sufridas polos negocios da zona e o estudo e habilitación de medidas de apoio e á suspensión inmediata das sancións na zona afectada polas obras.