O PSDEG-PSOE DE OURENSE CELEBRA O SEU COMITÉ PROVINCIAL PARA DAR CONTA DO TRABALLO REALIZADO NESTE COMEZO DE 2026 E DAS DIFERENTES REUNIÓNS MANTIDAS AO LONGO DA PROVINCIA
As e os socialistas fixeron balance de ditas reunións cualificándoas como “moi construtivas e produtivas”, xa que tal e como explican “permítennos coñecer de primeira man as necesidades en cada comarca e municipio e escoitar aos nosos cargos orgánicos e políticos”
Álvaro Vila Araújo sinalou durante a súa intervención que o PSdeG-PSOE de Ourense “leva meses traballando arreo para confeccionar as candidaturas máis sólidas, fiables e que saian a gañar as elección do 27”
O PSdeG-PSOE de Ourense incidiu en que o seu proxecto municipal pasa por seguir aplicando políticas progresistas que permitan fixar poboación no territorio, especialmente no rural, a través de medidas como o acceso á vivenda, a mellora das infraestruturas, a blindaxe dos servizos públicos básicos, o impulso ao emprego local ou o apoio ao comercio de proximidade
Ourense, 30 de marzo de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar o seu primeiro Comité Provincial do 2026, o máximo órgano entre congresos, esta tarde na sede provincial en Ourense. As e os socialistas deron conta do traballo realizado neste comezo de ano, así como das diferentes reunións mantidas ao longo da provincia.
O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo; e o secretario de organización, Antonio González Fiuza, deron conta das diferentes reunións levadas a cabo nos últimos meses, nos que se percorreu a provincia e se mantivo un contacto constante coas diferentes comarcas, reunindo aos cargos orgánicos e políticos do partido para traballar na confección das candidaturas de caras as municipais do 2027.







As e os socialistas fixeron balance de ditas reunións cualificándoas como “moi construtivas e produtivas”, xa que tal e como explican “permítennos coñecer de primeira man as necesidades en cada comarca e municipio e escoitar aos nosos cargos orgánicos e políticos”. Neste senso poñen en valor a “importancia de percorrer a provincia, estar no territorio e escoitar as nosas bases e militancia, na procura de reforzar o partido e comezar a deseñar a estratexia política municipio a municipio”.
O secretario provincial das e dos socialistas ourensáns, Álvaro Vila Araújo, sinalou durante a súa intervención que o PSdeG-PSOE de Ourense “leva meses traballando arreo para confeccionar as candidaturas máis sólidas, fiables e que saian a gañar as elección do 27”. Asemade tamén apuntou que “queremos reforzar o partido comarca a comarca e concello a concello, con candidatos e candidatas que nos axuden a obter os mellores resultados posibles nas municipais”.
“Somos o partido que está a carón da cidadanía, que loita e reivindica uns servizos públicos dignos e de calidade, o que traballa para mellorar a calidade de vida da veciñanza e o que reclama en cada concello o que lle pertence”, destacaron as e os socialistas. “Fronte a un modelo do PP que crea desigualdades, que abandona o territorio e que só está para confrontar e saír na foto, as e os socialistas temos un proxecto para a provincia baseado en investimentos equitativos, en escoitar á veciñanza e en dotar aos concellos dos servizos que tanto precisan e que o PP trata de arrebatarlles a base de desmantelamento e recortes atroces”.
“Somos a única alternativa posible para mudar a provincia e rematar con décadas de desleixo e abandono”, sinalou Álvaro Vila, que tamén aproveitou para por en valor o traballo das e dos socialistas nestes meses “nos que logramos que A Gudiña recuperase as frecuencias do AVE perdidas, logo dun intenso traballo a nivel local, provincial, autonómico e estatal”.
Neste marco, o PSdeG-PSOE de Ourense incidiu en que o seu proxecto municipal pasa por seguir aplicando políticas progresistas que permitan fixar poboación no territorio, especialmente no rural, a través de medidas como o acceso á vivenda, a mellora das infraestruturas, a blindaxe dos servizos públicos básicos, o impulso ao emprego local ou o apoio ao comercio de proximidade. Tamén destacaron a necesidade de reforzar os servizos sociais, ampliar recursos para a concicliación, promover a igualdade real e avanzar na transición ecolóxica con iniciativas sostibles adaptadas á realidade de cada municipio.
Asemade, dende a Executiva Provincial tamén fixeron fincapé na “necesidade” de propiciar un cambio políticos en numerosos concellos da provincia da man dun PSdeG-PSOE que conta cun proxecto que “permitirá abrir unha nova etapa baseada na transparencia, na proximidade e na eficacia na xestión pública”. Dende o partido incidiron en que o traballo da confección das candidaturas “estase facendo concello a concello, escoitando aos nosos cargos e á militancia”, co obxectivo de conformar equipos “fortes, sólidos e capaces de dar resposta aos retos de futuro”.

