concellos Denuncias Parlamento de Galicia

Carmen Dacosta leva ao Parlamento as posibles vulneracións de dereitos fundamentais na Merca

O PSDEG-PSOE LEVA AO PARLAMENTO DE GALICIA AS POSIBLES VULNERACIÓNS DE DEREITOS FUNDAMENTAIS E OS RISCOS PARA A SEGURIDADE NO CONCELLO DA MERCA

Carmen Rodríguez Dacosta, advirte de que “non estamos ante unha discrepancia política ordinaria, senón ante feitos concretos e documentados que, de confirmarse, poderían supoñer unha limitación continuada das funcións de control e fiscalización por parte da oposición”

Pon o foco en determinadas actuacións e procedementos “que xeran dúbidas sobre a súa adecuación á legalidade”, como a convocatoria inmediata dun pleno tras a presentación dunha impugnación nun contexto no que se cuestionaba o propio procedemento seguido

Incide tamén nun aspecto que cualifica de “especialmente preocupante” como é a existencia de informes técnicos que advirten de riscos graves para a seguridade pública vinculados a vivendas en ruína, fronte a un orzamento municipal “claramente insuficiente” para facer fronte a esta situación

A Merca, 31 de marzo de 2026. O Grupo Parlamentario Socialista vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para esixirlle explicacións á Xunta ante a “gravidade” dos feitos denunciados polo voceiro socialista no concello da Merca, Carlos Sousa, ante a Valedora do Pobo.

A deputada do PSdeG-PSOE de Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, advirte de que “non estamos ante unha discrepancia política ordinaria, senón ante feitos concretos e documentados que, de confirmarse, poderían supoñer unha limitación continuada das funcións de control e fiscalización por parte da oposición”.

Segundo traslada, a denuncia apunta á exclusión reiterada de iniciativas socialistas das ordes do día durante longos períodos de tempo, o que podería vulnerar o dereito de participación política recollido no artigo 23 da Constitución. “Estariamos ante un posible menoscabo do funcionamento democrático da corporación local por parte do goberno municipal do Partido Popular”, subliña.

Rodríguez Dacosta pon o foco en determinadas actuacións e procedementos “que xeran dúbidas sobre a súa adecuación á legalidade”, como a convocatoria inmediata dun pleno tras a presentación dunha impugnación nun contexto no que se cuestionaba o propio procedemento seguido.

A deputada socialista incide tamén nun aspecto que cualifica de “especialmente preocupante” como é a existencia de informes técnicos que advirten de riscos graves para a seguridade pública vinculados a vivendas en ruína, fronte a un orzamento municipal “claramente insuficiente” para facer fronte a esta situación. “Se se confirman estes feitos, xa non estariamos só ante un problema político, senón ante unha cuestión que afecta directamente á responsabilidade das administracións públicas na protección da seguridade da cidadanía”, afirma.

Por todo isto, o PSdeG rexistrou preguntas para a súa resposta en comisión, en pleno e por escrito co obxectivo de que a Xunta de Galicia aclare a súa valoración sobre estes feitos e detalle se vai solicitar información ao Concello da Merca ou adoptar algunha medida no ámbito das súas competencias. “O relevante neste caso non é só quen ten a competencia directa, senón quen asume a responsabilidade institucional de garantir o correcto funcionamento das administracións públicas e o respecto aos dereitos fundamentais”, conclúe Rodríguez Dacosta.