As socialistas reclaman información clave antes de enmendar a ordenanza de avaliación de edificios
O Grupo Municipal ven de formular unha bateria de preguntas sobre o proxecto de ordenanza: “Sen datos non hai debate e esiximos tranparencia antes de modificar normativas municipais, polo que solicitamos a ampliación do prazo de enmendas”.
Ourense. 2 de abril do 2026. O grupo municipal vén de presentar unha batería de preguntas por rexistro en relación co proxecto de ordenanza municipal reguladora do informe de avaliación dos edificios, así como unha solicitude formal de ampliación do prazo para a presentación de emendas.
Desde o grupo explican que a información solicitada resulta esencial para poder analizar en profundidade o contido da ordenanza e formular propostas con rigor, ao tratarse dunha norma que terá un impacto directo na veciñanza, tanto en obrigas como en custos.
En concreto, as preguntas rexistradas céntranse en aspectos clave como o procedemento de elaboración da ordenanza, a participación de equipos externos na súa redacción, o impacto económico real para os propietarios dos inmobles e os medios previstos para a súa aplicación.
Neste sentido, o grupo municipal considera imprescindible contar con toda a información antes de rematar o prazo de emendas, fixado para o vindeiro 8 de abril, co fin de garantir un proceso transparente e un debate rigoroso.
Por este motivo, solicitouse formalmente a ampliación do prazo de presentación de emendas, de maneira que este comece a computarse unha vez se facilite a totalidade da información requirida.
Segundo sinalan, “non se trata de atrasar o procedemento, senón de facelo ben”, subliñando que a normativa vixente recoñece o dereito dos membros da Corporación a acceder á información necesaria para o exercicio das súas funcións en tempo e forma.
Desde o grupo municipal insisten en que a aprobación dunha ordenanza desta relevancia require “transparencia, participación e coñecemento completo do expediente”, advertindo de que a falta de información pode limitar a capacidade de presentar emendas fundamentadas

