Concello de Ourense DEREITOS SOCIAIS EDUCACION

Denunciamos a deficiente xestión das actividades de conciliación no Concello de Ourense durante a Semana Santa

Para as edís do PSdeG, o sucedido non é un feito illado, senón unha mostra máis do progresivo abandono dos servizos públicos de apoio á conciliación

En Ourense, a 6 de abril de 2026. O grupo municipal socialista no Concello de Ourense expresou a súa preocupación pola deficiente xestión das políticas de conciliación durante a recente Semana Santa, que volveron evidenciar a falta de planificación e compromiso do actual executivo coas necesidades das familias.

Para as edís do PSdeG, o sucedido non é un feito illado, senón unha mostra máis do progresivo abandono dos servizos públicos de apoio á conciliación. A programación resultou insuficiente, con menos prazas das necesarias e sen garantir unha cobertura equilibrada en todo o territorio, deixando a numerosas familias sen alternativas reais.

A isto súmase unha difusión claramente limitada, que impediu que moitas persoas coñecesen con antelación as opcións dispoñibles, dificultando así a organización familiar nun período non lectivo. “O que estamos vendo é o resultado de anos de falta de aposta pola conciliación, con menos recursos, menos prazas e menos servizos”, incidiron.

Neste senso, o PSOE lembra o desmantelamento progresivo da rede de centros cívicos municipais como espazo fundamental para a conciliación, cunha redución continuada da súa actividade e capacidade de resposta ás necesidades da cidadanía.

Ante esta situación, o grupo municipal socialista vén de rexistrar unha solicitude formal de información para coñecer en detalle o funcionamento do programa de Semana Santa, incluíndo o número de prazas ofertadas e participantes, as zonas nas que non se chegou a desenvolver a actividade e os motivos, así como o orzamento destinado, os recursos empregados e as accións de difusión realizadas.