O PSDEG-PSOE DE BARBADÁS RECLAMA INCORPORAR A PERSPECTIVA DE XÉNERO NAS POLÍTICAS PÚBLICAS DE SAÚDE, CO OBXECTIVO DE MELLORAR A ATENCIÓN SANITARIA DAS MULLERES
A iniciativa do grupo municipal socialista pon de relevo que que durante décadas a investigación biomédica e o deseño das políticas sanitarias tomaron como referencia principal o corpo masculino, o que xerou importantes carencias no coñecemento sobre a saúde das mulleres
Ana Belén Peleteiro Prieto subliña que “é imprescindible corrixir esta desigualdade histórica e avanzar cara a un sistema sanitario que teña en conta as diferenzas reais entre mulleres e homes”
“Os concellos tamén temos un papel clave na prevención e na promoción de hábitos de vida saudables”, destaca Peleteiro, quen insiste en que “a coordinación entre administracións é fundamental para avanzar nunha atención sanitaria máis xusta”
Barbadás, 7 de abril de 2026. O PSdeG-PSOE de Barbadás vén de presentar unha moción para o seu debate na sesión plenaria do 13 de abril na que insta ao concello a avanzar na incorporación da perspectiva de xénero nas políticas públicas de saúde, co obxectivo de mellorar a atención sanitaria das mulleres en Galicia.
A iniciativa do grupo municipal socialista pon de relevo que que durante décadas a investigación biomédica e o deseño das políticas sanitarias tomaron como referencia principal o corpo masculino, o que xerou importantes carencias no coñecemento sobre a saúde das mulleres. Esta situación derivou, en moitos casos, en diagnósticos tardíos, infradiagnóstico de enfermidades ou tratamentos menos axeitados.
Neste contexto, a concelleira socialista Ana Belén Peleteiro Prieto subliña que “é imprescindible corrixir esta desigualdade histórica e avanzar cara a un sistema sanitario que teña en conta as diferenzas reais entre mulleres e homes”. Peleteiro sinala que “falar de perspectiva de xénero en saúde non é unha cuestión ideolóxica, senón de rigor científico e de xustiza social”, e engade que “só así poderemos garantir unha atención máis eficaz, máis equitativa e adaptada ás necesidades de toda a poboación”.
A moción insta á Xunta de Galicia a adoptar medidas concretas, entre elas a mellora da recollida e análise de datos sanitarios desagregados por sexo, o impulso da investigación en enfermidades que afectan de forma específica ou diferenciada ás mulleres e a formación do persoal sanitario en materia de saúde e xénero. Asemade, o grupo municipal socialista propón a elaboración dunha estratexia galega para a atención integral da saúde das mulleres, que aborde cuestións como as enfermidades infradiagnosticadas, a saúde menstrual, o climaterio e a saúde mental con enfoque de xénero.
Desde o ámbito local, a iniciativa tamén formula que o concello de Barbadás reforce a súa implicación mediante accións de información e sensibilización, así como o desenvolvemento de actividades de educación para a saúde con perspectiva de xénero. “Os concellos tamén temos un papel clave na prevención e na promoción de hábitos de vida saudables”, destaca Peleteiro, quen insiste en que “a coordinación entre administracións é fundamental para avanzar nunha atención sanitaria máis xusta”.

