concellos INICIATIVAS

O PSOE de Barbadás impulsa un plan de pacificación do tráfico

O PSDEG-PSOE DE BARBADÁS PROPÓN A ELABORACIÓN E POSTA EN MARCHA DUN PLAN DE PACIFICACIÓN DO TRÁFICO NO MUNICIPIO CO OBXECTIVO DE MELLORAR A SEGURIDADE VIARIA

Victoria Morenza Doforno destaca que con esta moción “buscamos dar unha resposta integral a unha demanda real da cidadanía” a apunta que “apostamos porque se poidan desprazar con seguridade polo municipio, especialmente os colectivos máis vulnerables como a infancia e as persoas maiores”

A moción recolle unha batería de propostas concretas, entre as que destacan o incremento da sinalización vertical e horizontal con límites de velocidade de 30 km/h, a renovación de sinalética obsoleta e o pintado de indicacións na calzada para mellorar a visibilidade

Outro dos eixos do plan é a mellora da iluminación, especialmente en cruces transitados e pasos de peóns, dando continuidade a iniciativas xa implantadas en zonas como A Valenzá

Barbadás, 9 de abril de 2026. O PSdeG-PSOE de Barbadás levará ao pleno do vindeiro 13 de abril unha moción para a elaboración e posta en marcha dun plan de pacificación do tráfico no municipio. As concelleiras socialistas destacan que o obxectivo desta iniciativa “é mellorar a seguridade viaria” en diferentes puntos do concello, especialmente naquelas zonas con maior tránsito peonil e rodado.

Dende o grupo municipal socialista explican que esta iniciativa parte da necesidade de “adaptar os espazos públicos a unha mobilidade máis segura, sostible e accesible, en liña cos obxectivos marcados pola Axenda 2030”. As concelleiras socialistas subliñan que en Barbadás “é habitual o tránsito de persoas entre núcleos de poboación e cara os diferentes servizos públicos como os centros educativos, instalacións deportivas ou espazos de lecer, o que fai imprescindible reforzar as medidas de protección para os peóns”.

A voceira do PSdeG-PSOE en Barbadás, Victoria Morenza Doforno, destaca que con esta moción “buscamos dar unha resposta integral a unha demanda real da cidadanía” a apunta que “apostamos porque se poidan desprazar con seguridade polo municipio, especialmente os colectivos máis vulnerables como a infancia e as persoas maiores”.

Neste senso, Morenza subliña que “falamos de medidas realistas, moitas delas xa aplicadas con éxito noutros puntos do municipio, que poden executarse de forma progresiva se existe vontade política. Asemade, a voceira socialista engade que “a pacificación do tráfico non só mellora a seguridade viaria, senón que contribúe a crear contornas máis habitables, con menos ruído, menos contaminación e maior calidade de vida para a nosa veciñanza”.

A moción recolle unha batería de propostas concretas, entre as que destacan o incremento da sinalización vertical e horizontal con límites de velocidade de 30 km/h, a renovación de sinalética obsoleta e o pintado de indicacións na calzada para mellorar a visibilidade. Así mesmo, proponse a instalación de pasos de peóns elevados e elementos redutores de velocidade en puntos considerados críticos, así como o uso de pintura chamativa para reforzar a atención das persoas condutoras.

Outro dos eixos do plan é a mellora da iluminación, especialmente en cruces transitados e pasos de peóns, dando continuidade a iniciativas xa implantadas en zonas como A Valenzá. Tamén se propón actuar en espazos especialmente sensibles como o entorno do campo de fútbol dos Carrís, onde se concentra un elevado número de nenos e mozos. Ademais, a moción contempla a reorganización do tráfico mediante a habilitación de rúas de sentido único en zonas conflitivas, así como a atención ás demandas veciñais relacionadas coa sinalización en cruces perigosos.

Desde o Grupo Municipal Socialista confían en que a proposta conte co respaldo do pleno, ao tratarse dunha iniciativa centrada no interese xeral e na mellora do benestar da cidadanía de Barbadás.