O Pleno do Concello de Ourense aproba a iniciativa do PSdeG para compensar ao pequeno comercio que se vexa afectado polas obras de humanización
O plan prevé a posibilidade de aplicar descontos directos nos recibos ou a devolución de importes xa abonados, así como a posta en marcha dun procedemento simplificado de solicitude, co obxectivo de facilitar o acceso ás axudas por parte dos negocios afectados
En Ourense, a 10 de abril de 2026. O Pleno do Concello de Ourense aprobou, na sesión ordinaria de abril celebrada esta mañá, a moción presentada polo grupo socialista para a posta en marcha dun Plan Municipal de Compensación Fiscal e Axudas ao pequeno comercio afectado polas obras de humanización urbana actuais e para as que se desenvolvan nos vindeiros anos.
A iniciativa saíu adiante cos votos a favor do PSOE e a abstención do PP, BNG e DO, permitindo así dar un primeiro paso para apoiar a autónomos, microempresas e negocios que están a sufrir un forte impacto económico derivado das actuacións urbanísticas, que as socialistas cualifican como de imprescindibles, en marcha na cidade.
A voceira do PSdeG, Natalia González Benéitez, incidíu en que estas obras son necesarias para avanzar cara a unha urbe máis moderna e accesible, pero advertíu de que “non se pode deixar atrás ao tecido económico que sostén os barrios”. Neste senso, subliñou que o pequeno comercio “é un elemento esencial do tecido económico e social de Ourense, xerador de emprego e dinamizador”.
A moción aprobada contempla a creación dun plan extraordinario que inclúe axudas directas e bonificacións fiscais para aqueles negocios que acrediten unha caída de facturación de, polo menos, o 20% como consecuencia directa das obras municipais.
Entre as medidas recollidas destacan: bonificacións mínimas do 50% en impostos municipais como o IBI, o IAE, o ICIO ou o imposto de vehículos, así como nas taxas vinculadas á actividade económica, como a recollida de lixo, a ocupación da vía pública ou as licenzas municipais.
Ademais, o plan prevé a posibilidade de aplicar descontos directos nos recibos ou a devolución de importes xa abonados, así como a posta en marcha dun procedemento simplificado de solicitude, co obxectivo de facilitar o acceso ás axudas por parte dos negocios afectados.
Outro dos aspectos clave é a compatibilidade destas axudas con outras medidas autonómicas, estatais ou municipais, así como a dotación dunha partida económica específica nos orzamentos municipais, ampliable segundo a demanda. Tamén se establece o carácter retroactivo das medidas desde o 1 de xaneiro de 2026 ata a finalización das obras e a recuperación da actividade económica normal.
Dende o grupo municipal socialista valoran positivamente a aprobación desta iniciativa, aínda que lamentan a falta de apoio explícito do resto dos grupos. “Hoxe demos un paso importante para facer xustiza co pequeno comercio de Ourense. Agardamos que o goberno local cumpra agora co mandato do Pleno e poña en marcha medidas canto antes”, concluíu González Benéitez.

