AS EXECUTIVAS PROVINCIAL E LOCAL DO PSDEG-PSOE DE OURENSE E XUVENTUDES SOCIALISTAS CONMEMORAN O 95º ANIVERSARIO DA II REPÚBLICA CUN ACTO NO CEMITERIO DE SAN FRANCISCO
A cita terá lugar no cemiterio de San Francisco o martes 14 de abril ás 11:30 horas, onde se realizará unha ofrenda floral diante do Memorial ás Vítimas do Franquismo, como recoñecemento das persoas que loitaron polos valores democráticos, a liberdade e a xustiza social, símbolos todos eles da II República
No acto intervirán a secretaria xeral da cidade de Ourense, Natalia González Beneitez; o secretario provincial, Álvaro Vila Araújo; o secretario de formación das Xuventudes Socialistas, Daniel Barredo e o secretario provincial de Memoria Democrática, Xosé Lois Carrión
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense e Xuventudes Socialistas destacan que o 14 de abril “é unha data fundamental para o socialismo e para a historia democrática do noso país”, subliñando a vixencia dos valores republicanos e a necesidade de manter viva a memoria histórica
Ourense, 11 de abril de 2026. As Executivas Provincial e Local do PSdeG-PSOE de Ourense e Xuventudes Socialistas de Ourense organizan o martes 14 de abril un acto homenaxe con motivo do 95º aniversario da proclamación da II República española en 1931.
A cita terá lugar no cemiterio de San Francisco ás 11:30 horas, onde se realizará unha ofrenda floral diante do Memorial ás Vítimas do franquismo, como recoñecemento das persoas que loitaron polos valores democráticos, a liberdade e a xustiza social, símbolos todos eles da II República. No acto intervirán a secretaria xeral da cidade de Ourense, Natalia González Beneitez; o secretario provincial, Álvaro Vila Araújo; o secretario de formación das Xuventudes Socialistas, Daniel Barredo e o secretario provincial de Memoria Democrática, Xosé Lois Carrión.
Dende o PSOE ourensán manifestan que “é de xustiza que dende o partido lembremos e rendamos homenaxe a todos aqueles homes e a aquelas mulleres socialistas e a todas as persoas antifascistas que impulsaron a democracia, e que posteriormente, sufriron por estes motivos a represión franquista e ata perderon a súa propia vida por defender a liberdade”.
Asemade, ambas Executivas salientan que a República, sustentada pola alianza de republicanos e socialistas, tentou dar resposta aos principais problemas que lastraban a evolución do país, polo que “acompaña na historia ao Partido Socialista e forma parte do ADN de todas as persoas socialistas”.
Neste senso, dende a organización subliñan que a II República representou un dos momentos máis avanzados da nosa historia contemporánea, impulsando reformas fundamentais en ámbitos como a educación pública, a igualdade entre homes e mulleres, a modernización do Estado ou a ampliación de dereitos e liberdades. A aposta por unha escola laica e universal, a participación política das mulleres ou a defensa das clases traballadoras constituíron piares dun proxecto transformador que buscaba construír unha sociedade máis xusta, democrática e solidaria.
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense e Xuventudes Socialistas destácase que o 14 de abril “é unha data fundamental para o socialismo e para a historia democrática do noso país”, subliñando a vixencia dos valores republicanos e a necesidade de manter viva a memoria histórica.
O acto está aberto á cidadanía e pretende ser tamén un espazo de encontro, reflexión e recoñecemento colectivo arredor dunha das etapas máis significativas da nosa historia contemporánea.


