INICIATIVAS PATRIMONIO

Hai que rescatar o Museo Arqueolóxico de Ourense tras tres lustros pechado

O MUSARQ ESTÁ PECHADO A CAL E CANTO E AS SÚAS 40.000 PEZAS GARDADAS EN CAIXAS A CAUSA DO DESCONTROL E A MALA XESTIÓN DAS NECESARIAS OBRAS DE REFORMA E AMPLIACIÓN

Os socialistas da Deputación de Ourense queren que a institución se posicione ó lado dos intereses da provincia e presione ó PP para sacar o Museo Arqueolóxico Provincial (Musarq) do ostracismo no que leva atrapado lustros, pechado a cal e canto, e coas súas 40.000 pezas, moitas delas verdadeiros tesouros, gardados en caixas nun almacén. E, por iso, levan ó vindeiro pleno de maio iniciativas para porlle solución a esta rocambolesca situación.

O Musarq atópase nun dos poucos exemplos que se conserva en Galicia do románico civil, ubicado na Praza Maior de Ourense, ó carón da Casa do Concello. Xestionado pola Xunta pero de titularidade do Estado, leva máis de tres lustros co cadeado botado por mor dunhas obras de rehabilitación que aparecen e desaparecen dos Orzamentos Xerais do Estado e das propias instalacións. Cando se pecharon as súas portas, asegurouse que a reforma estaría rematada no 2003 mais a na actualidade nin sequera está adxudicada e soamentes se avanzou escollendo un proxecto, no verán do 2015, mediante un concurso de ideas e se iniciou a tramitación da modificación do plan urbanístico (PEPRI) que regula o casco vello da cidade.

Pese á tentativa do PP de vender a reforma, a cantidade consignada polo Estado nos orzamentos de 2017 semella unha broma de mal gusto: 250.000 euros. O desleixo do PP coa cultura e o patrimonio ourensá é absolutamente bochornoso e, por iso, os socialistas queren liquidar esta situación canto antes.

A iniciativa na Deputación reclama instar ó Ministerio de Cultura e ó Goberno central que aumente a dotación consignada nos Orzamentos Xerais do Estado previstos para este ano 2017, así coma instara ó Goberno a que, en calquera caso, nos vindeiros orzamentos se consigne a cantidade adecuada para rematar as obras e abrilo ó publico o antes posible. Tamén se esixe á Xunta, como institución responsable da xestión, que poña en marcha todas as medidas ó seu alcance para que o proxecto sexa adxudicado e se remate a remodelación.

Deja un comentario