ORZAMENTOS POLÍTICA PROVINCIAL

O PP mantén o reparto a dedo de fondos públicos para 2018

O PP REXEITA A EMENDA CONXUNTA DO PSOE E BNG PARA SEGUIR MANTENDO A ESTRUTURA MASTODÓNTICA DA DEPUTACIÓN E O MODELO DE REPARTO CACIQUIL

Os socialistas denuncian que estes orzamentos son froito da teima de Baltar por confundir os intereses xerais da provincia cos do seu partido  

 O PP rexeita no pleno a moción de mantemento da área sanitaria de Valdeorras dándolle as costas aos seus veciños para evitar a confrontación co goberno da Xunta

Ourense, 29 de setembro de 2017. Como era de agardar o PP non tivo a valentía política suficiente para abandonar o caciquismo e aprobar a emenda conxunta aos orzamentos provinciais do PSOE e do BNG. Os populares prefiren seguir repartindo os fondos públicos en función das afinidades políticas do presidente Baltar e seguir consumindo o groso dos ingresos da Deputación de Ourense en manterse a si mesma, sen cumprir coa obriga de asistir aos concellos. A este respecto se referiu o portavoz socialista, Francisco Fraga, no debate plenario celebrado hoxe pola mañá: “De que serve que esta deputación teña débeda cero senón coopera para que os concellos aos que debe asistir tamén salden as súas débedas? Ou asistilos no plan de pago a provedores, por exemplo. O seu grupo desaproveita unha oportunidade de comezar a mudar a situación desta provincia. A escusa de q só tiveron dous días para analizar o noso plan é unha escusa barata porque levamos anos defendendo un reparto en base a criterios obxectivos e que se abandone o reparto clientelar e caciquil”. Engadiu que: “Son uns orzamentos ós que non lle atopamos outra finalidade máis que manter con vida a estrutura mastodóntica desta deputación sen apenas incidencia na vida da cidadanía. Responden a un modelo caduco e obsoleto”.

 Os socialistas consideran que estes presupostos, máis alá de seren os primeiros en ser aprobados, non son garantía de desenvolvemento para a provincia de Ourense ea súa cidadanía. Para o PSOE non abonda con saír nas listaxes dos máis rápidos se o PP se empeña en presentar unha distribución de partidas de nula utilidade. Os orzamentos provinciais, asemade, non cumpren coas funcións que unha deputación debe desempeñar: prestarlle servizos e cooperación aos concellos ourensáns menores de 20.000 habitantes e actuar como panca de desenvolvemento dos sectores produtivos desta provincia. Baltar e o seus, pola contra, presentan unhas previsións de gasto que consume case todo o ingresado nos capítulos I e II, gastos de persoal e correntes. Entre unha cousa e maila outra aló vai un 62% do total. Polo que ao deducir isto, queda unha insignificancia para transferir de xeito incondicionado para os concellos. Algo que os populares se negan a emendar.

Unha vez quedou clara a negativa do PP a aceptar a proposta da oposición, o portavoz socialista referiuse a oportunidade desbotada: “Cómpre baixar da nube na que están instalados e ver a realidade, confunden os intereses reais da provincia cos intereses do Partido Popular. Confunden interesadamente os intereses xerais de Ourense cos intereses particulares do seu partido. Porque do contrario non ten outra razón de ser, manter este reparto clientelar que se recolle en moitas partidas destes orzamentos, sen ir máis lonxe: non souberon nin explicarnos na comisión de facenda como se ía repartir esa nova partida de investimentos de 1.500.000 euros”. Para os socialistas queda claro que estes novos orzamentos non deixan de ser unha ferramenta electoral ao servizo do Partido Popular.

O debate, polo tanto, a pesares da súa importancia, foi ermo, porque non houbo vontade política por parte do presidente e dos seus deputados e deputadas para mudar ningunha partida do proxecto. Os socialistas, de feito, xa auguraron que dentro duns meses se ía impor a necesidades de improvisar e e a obriga de modificalos; coa intención, de seguro, de dedicar partidas a subvencións nominativas a concellos afíns ou “merecentes”. No tocante aos plans de mocidade e empregabilidade, que se incrementou despois de que os socialistas reiteraran a necesidade de facelo, dos que tanto lle gusta gabarse aos membros do goberno provincial, parecen tapar a realidade das axudas a dedo, dos rexedores esmolantes e das cousas mal feitas. Pese ás reticencias da dereita ourensá, no resto das deputacións galegas van á vangarda no que respecta á cooperación municipal e, segundo relatou Fraga Civeira: “Non se produciu ningún cataclismo, senón todo o contrario, teñen mellores indicadores ca nós. Queremos dereitos e non esmolas, é tan difícil de entender?”. Pese á súa vehemencia, o Partido Popular persiste en manter o modelo rancio de sempre, polo que o PSOE confirma que persistirá na necesidade dun cambio de modelo.

A votación resolveuse con 11 votos a favor da emenda conxunta de nacionalistas e socialistas (PSOE, BNG e DO) e 14 en contra (PP). Pola súa banda, os orzamentos foron aprobados, unicamente, cos 14 votos a favor dos populares e recibiron o voto en contra de toda a oposición.

Área sanitaria de Valdeorras

O outro tema candente e polémico da xornada plenaria, foi a moción socialista a prol do mantemento da área sanitaria de Valdeorras, que xa está a producir numerosas concentracións e manifestacións da cidadanía ante a afronta da Xunta. O goberno autonómico, mediante a modificación da Lei de Saúde da que presentou anteproxecto, vai atacar, máis unha vez, aos servizos públicos da comarca valdeorrense, unha das máis afectadas pola discriminación e o illamento histórico. O PSOE cedeu a palabra, nas dúas quendas, ao portavoz da Plataforma Sanitaria de Valdeorras, o doutor Orlando Saavedra, quen lle reclamou ao goberno provincial que se puxesen do seu lado e lle reclamasen ao goberno autonómico a retirada do anteproxecto de lei de modificación da lei 8/2008 de saúde de Galicia así coma devolver e dotar de orzamento á actual lei sanitaria. Do mesmo xeito, Saavedra pediulle ao PP provincial que dese a cara pola comarca e lle esixira á Xunta que crease un grupo de traballo, con representación de todos os partidos do Parlamento, da FEGAMP, dos sindicatos, asociacións de pacientes, Colexios profesionais da sanidade e outros colectivos de relevancia no eido sanitario, co gallo de determinar as posibles necesidades de modificación da lexislación sanitaria; abandonando a unilateralidade coa que actuou o goberno autonómico.

Porén, e a pesares da presenza de varios veciños e veciñas da zona afectada, o grupo de goberno do PP non tivo a valentía política suficiente e púxose do lado dos intereses partidistas no canto de reclamar os dereitos da cidadanía de Valdeorras. Baltar e os seus abandonaron a Valdeorras por estar a ben con Feijóo e só ofrecen boas palabras baseadas nun consenso que din procurar pero que non se materializa. Pola súa banda, Miguel Bautista, deputado da zona concluíu que: “Teñan por seguro que os veciños e veciñas de Valdeorras non imos permitir a desaparición da nosa área sanitaria. Estamos cansos e cansas de tanto illamento e discriminación” e anunciou unha nova mobilización prevista para mañá.