Infraestruturas SERVIZOS PÚBLICOS

O PP vai regalar a unha empresa o novo parking público do CHUO para que pagues dúas veces polo mesmo

O PP QUERE REGALAR A UNHA EMPRESA O PARKING GRATUÍTO PAGADO CON FONDOS PÚBLICOS DO HOSPITAL UNIVERSITARIO DE OURENSE PARA SAQUEAR ÓS OURENSÁNS POR DUPLICADO

Francisco Fraga instou a Baltar para que “faga causa” fronte o novo abuso que se pretende cometer no Hospital Universitario da terceira cidade de Galicia ó obrigar ós cidadáns a pagar dúas veces

Ourense, 23 de febreiro de 2018. Saquear ós e ás ourensáns por duplicado, facendo negocio cunha obra pagada integramente con cartos públicos. Iso é o que quere facer o PP co aparcadoiro do novo Hospital Universitario de Ourense, rematado hai máis de medio ano pero pechado a cal e canto, mentres outra empresa se enriquece grazas ó outro parking de pago do complexo sanitario, que, para colmo, é un dos máis caros de Galicia. Os conservadores volveron facer bandeira do seu vergoñento gusto por regalar servizos públicos a empresas privadas. E, por iso, votaron en contra da moción do PSdeG-PSOE na Deputación Provincial, que reclama a apertura inmediata desta infraestrutura pública e, sen embargo, aprobaron unha vergoñenta enmenda na que reclaman que se licite canto antes a súa xestión privada para cobrar.

A moción rexeitada polo PP pero apoiada por DO e BNG, reclama que a Xunta de Galicia poña en servizo, de inmediato e de forma libre, o novo aparcadoiro público. A pesar de que as obras están rematadas e de que o edificio hospitalario está repleto de pacientes, o aparcadoiro, incomprensiblemente, segue pechado e oculto, mentres usuarios e usuarias son atracados no outro aparcadoiro privatizado desde o ano 2000, pero de propiedade da Deputación. Agora o PP quere repetir o abuso coa nova instalación.

C AEREA CHUO MARCADA CON PARKINGS

O deputado e portavoz, Francisco Fraga, dirixiuse directamente ó presidente da Deputación ó que lle reclamou que “igual que fixo causa da folga feminista, faga causa tamén disto”. “Faga gala da súa ourensanía porque non concibimos unha ourensanía sen ourensáns e insto é unha discriminación clarísima”, dixo o portavoz a Baltar. Fraga destacou que “unha contrata unicamente serviría para dúas cousas: encher as contas correntes dunha empresa privada e valeirar os petos da veciñanza”, e recordou que “privatizar este aparcadoiro xa construído e xa financiado con cartos públicos implicaría pagar dúas veces polo mesmo”, un novo agravio sumado á marxinación “por termos uns servizos sanitarios de segunda”.