Denuncias POLÍTICA PROVINCIAL

O Consello de Contas denuncia que Baltar incumpre a Lei de Transparencia

O CONSELLO DE CONTAS DENUNCIA ANTE O PARLAMENTO QUE A DEPUTACIÓN DE OURENSE INCUMPRE A LEI DE TRANSPARENCIA Ó NON REMITIRLLE OS REPAROS LEVANTADOS POR BALTAR

O máximo órgano fiscalizador de Galicia certifica a “falta de colaboración” da institución que presume de ser a máis transparente e salienta que  “pode ter incorrido en infraccións graves ou moi graves”

Francisco Fraga asegurou que “esta é a proba do algodón de que a Deputación de Ourense nin é transparente nin cumpre a lei”, e anunciou que van pedir toda a a documentación “sensible” desde 2014

Ourense, 19 de febreiro de 2018. O Consello de Contas trasladou ó Parlamento de Galicia un informe no que conclúe que a Deputación de Ourense “incumpre” a Lei de Transparencia e a Lei de Facendas Locais, porque non lle remitiu os reparos de intervención levantados por Manuel Baltar durante 2014 e 2015. Contas asegura que a Deputación “pode ter incorrido en infraccións graves ou moi graves” e denuncia a “falta de colaboración” da institución que, precisamente, presume habitualmente de ser a máis transparente do Estado.

No informe explícase que a institución incumpriu os prazos marcados na lei, non respondeu a un requirimento enviado en xullo de 2016 e, finalmente, so entregou a documentación obrigatoria no trámite de alegacións, tres anos fora de prazo e despois de recordarlle a Baltar que, no caso de incumprimento, poderían impor multas. A documentación que a Deputación oculta son “acordos e resolucións contrarios a reparos formulados por interventores, a súas xustificacións, e as  anomalías detectadas en materia de ingresos, así como os acordos adoptados con omisión do trámite de fiscalización”.

Ante as conclusións deste duro informe de Contas, os socialistas van reclamar ó Goberno provincial do PP toda a documentación económica, para aclarar que hai detrás desta reiterada estratexia escurantista ante o máximo órgano fiscalizador dos cartos públicos de Galicia. Durante unha rolda de prensa, o portavoz do PSdeG-PSOE, Francisco Fraga, denunciou que “esta é a proba do algodón de que estamos ante unha deputación que nin é transparente nin cumpre a lei”. “A transparencia tan cacareada por Baltar falla cando as noticias parece que non son boas para el”, salientou antes de anunciar que van pedir acceso a todos o expedientes. O portavoz indicou que “estamos ante información moi sensible” polo que a transparencia debería ser máxima, e como aínda non se sabe se en 2016 a Deputación volveu ocultas tar estes importentes datos económicos, tamén van reclamar a documentación dese exercicio.

Estes son algúns dos parágrafos máis relevantes do informe:

informe_Contas