INFRAESTRUCTURAS INICIATIVAS

Reclamamos a apertura inmediata e libre do novo parking público do CHUO

OS SOCIALISTAS DE OURENSE INICIAN UNHA BATERÍA DE MEDIDAS PARA QUE A XUNTA ABRA DE INMEDIATO O NOVO PARKING PÚBLICO DO HOSPITAL UNIVERSITARIO

A Xunta mantén pechado un aparcadoiro de 700 plazas xa construído e pagado con cartos públicos mentres unha empresa gana millóns no outro parking do hospital concesionado ata o ano 2050

Unha moción na Deputación Provincial esixirá a Baltar que presuma de ourensanía e se posicione ó lado dos e das ourensáns para reclamar a inmediata apertura e xestión pública

Ourense, 12 de febreiro de 2018. Os socialistas de Ourense veñen de iniciar unha batería de medidas para que a Xunta de Galicia poña en servizo, de inmediato e de forma libre, o novo aparcadoiro público do Hospital Universitario da terceira cidade de Galicia, rematado hai medio ano, pero pechado a cal e canto, mentres unha empresa engorda os seus ingresos grazas ó parking de pago do complexo sanitario, que, para colmo, é un dos máis caros de Galicia. A primeira destas iniciativas é unha moción na Deputación mais o debate tamén chegará, en diversos formatos, ó Parlamento e o Concello.

fotos np parking chuo

A pesar de que as obras están rematadas e de que o edificio comezou a recibir pacientes hai medio ano, o novo aparcadoiro de 700 prazas construído con cartos públicos, segue pechado e nada se sabe sobre a súa posta en servizo. Sen embargo, a so unhas decenas de metros desta necesaria infraestrutura pública en vergoñento desuso, unha empresa privada –Georsa– goza dun negocio multimillonario enchendo, día tras día, o parking propiedade da Deputación, grazas a unha concesión de medio século que rematará en 2050.

Os socialistas consideran que este novo aparcadoiro debe pórse en servizo de inmediato de forma libre, pois xa foi construído e pagado con cartos públicos e, polo tanto, a súa explotación mediante unha concesión non é necesaria. Unha contrata unicamente serviría para dúas cousas: encher as contas correntes dunha empresa e valeirar os petos da veciñanza. De feito, en numerosas localidades coma Vigo, Castellón ou Cartagena estanse a implantar espazos de aparcamento gratuíto xunto ós seus hospitais.

Nunha rolda de prensa nos accesos ó novo aparcadoiro, o secretario xeral do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, asegurou que estamos ante un “dobre agravio” por “ter que vir con pacientes e por ter que pagar por aparcar”, polo que é preciso abrir este novo edificio para aparcar de forma libre. “O edificio está pechado porque previsiblemente o que se vai facer é un novo negocio privado para un problema de saúde pública”, denunciou antes de recordar que “non hai alternativa porque non hai lugares onde deixar ó coche salvo espazos de xestión privada”. Ademais, Rodríguez Villarino recordou que tamén estamos ante unha importante reclamación dos traballadores/as.

O portavoz provincial, Francisco Fraga, explicou que “é inconcibible, unha situación sangrante, que este parking siga pechado tantos meses despois” e recordou que “xa se pagou unha vez, así que reclamamos unha xestión pública porque non hai que pagalo unha segunda vez”. “Queremos que Baltar, que financiou cos cartos da Deputación ós novos accesos a este aparcadoiro pechado, se posicione dunha vez por todas. Baltar fai gala continuamente da súa ourensanía e nós pensamos que non hai ourensanía sen ourensáns”, dixo. O pleno da Deputación de febreiro debaterá esta cuestión.

AEREA CHUO MARCADA CON PARKINGS

O portavoz no Concello da capital, José Ángel Vázquez Barquero, recordou que “é unha demanda de fai moito tempo” porque “as tarifas que se están a cobrar son excesivas e ademais hai un problema de accesibilidade con atascos e coches aparcados en beirarrúas ou en líñas continuas”. “Este barrio está saturado e ante un problema importante hai que buscar grandes solucións, polo que non se pode tolerar que non teñamos esta nova dotación aberta”, destacou. “A xestión directa é a opción máis lóxica e o PP debe reaccionar ante os problemas dos galegos”, concluíu Vázquez Barquero.
Audio da rolda de prensa

Pola súa banda, a deputada no Parlamento, Noela Blanco, recordou que “levamos insistindo desde que se proxectou esta ampliación a necesidade do  novo aparcadoiro e nunca obtivemos unha resposta clara da Xunta”. “Despois de todos os fastos para a inauguración, parécenos moi grave que siga pechado” dixo antes de reclamar ó PP que “abandone os criterios economicistas e empece a guiarse por criterios de empatía e corazón”. “Isto é un complexo hospitalario e non un complexo hosteleiro e, polo tanto, o parking non debe ser o parking do Hilton”, destacou Blanco.