INICIATIVAS MEDIO AMBIENTE

O PP de Ourense ponse de costas ante a praga da velutina e pásalle a bola á Xunta

A iniciativa do PSdeG-PSOE para o pleno provincial do mes de xanaiero que reclama a implicación da Deputación na loita contra a praga da vespa velutina, ante o destacado incremento de casos na provincia, foi vergoñentamente rexeitada e enmendada polo PP, que se puxo de costas ante o problema. E neste caso, o PP da Deputación pasoulle a pelota á Xunta, a pesar de que avistamento de niños disparouse ó pasar de 0 en 2014 a 522 niños no 2017, segundo Medio Rural. O datos destapan que esta especie problemática entrou á provincia pola cunca do río Miño procedente do sur de Pontevedra, estendéndose polo oeste.

O portavoz dos socialistas, Francisco Fraga, denunciou que “a Xunta non está facendo todo o necesario e esta Deputación ponse de lado a pesar de que forma parte dos GES e do consorcio de bombeiros” polo que “debería dotalos dos medios que non teñen porque, segundo denuncian, nalgún caso non teñen nin pértega”. “A campaña de información da velutina é insuficiente porque no caso de Ourense unicamente chega mediante Internet”, aseverou Fraga xusto antes de destacar que “os traballadores non teñen os medios suficientes e sendo esta provincia a principal produtora de mel de Galicia, a Deputación debería velar por evitar esta prexudicial praga para a apicultura”.

A moción dos socialistas insta á Deputación para que dote, durante o primeiro semestre de 2018, cos medios necesarios, ós Grupos de Emerxencias Supramunicipal (GES) e o persoal do Consorcio Provincial de Ourense para o servizo contra Incendios e de Salvamento, que teñen encomendadas funcións de control e erradicación da velutina. A moción tamén reclama a elaboración dun protocolo informativo que inclúa un plan de comunicación pública sobre a praga para apicultores e veciños e veciñas interesados, mediante charlas impartidas por expertos na materia ou persoas previamente formadas, seguindo o establecido no programa de vixilancia e control da vespa velutina da Consellería do Medio Rural. Os socialistas tamén consideran fundamental que a Deputación teña unha asesoría científico-técnica con persoal do Campus Universitario ourensán, que permita determinar as particularidades do control da praga en Ourense, debido as especiais e diferenciadoras condicións climáticas e medioambientais da provincia.