OS SOCIALISTAS RECLAMAN A IMPLICACIÓN DA DEPUTACIÓN ANTE O ALARMANTE INCREMENTO DE PROBLEMAS ENTRE AS PERSOAS QUE VIVEN SOAS NA PROVINCIA
Os socialistas queren que a institución provincial presidida por Baltar faga honra do seu nome e elabore un informe no que se recolla o censo de persoas soas de todos os municipios
Unha vez feita a “radiografía”, queren un plan provincial para 2019, con medidas concretas de promoción da autonomía persoal e prevención da dependencia en persoas que vivan soas
Ourense, 18 de febreiro de 2018. O PSdeG-PSOE de Ourense reclamará no pleno provincial do mes de febreiro, que se celebra o vindeiro venres, a implicación da Deputación, ante o alarmante incremento de accidentes e desgrazas entre persoas que viven soas, nunha provincia na que a soidade é un problema crecente e imparable. Os socialistas queren que “a institución faga honra do seu nome” e elabore un informe no que se recolla o censo de persoas soas de todos os municipios, de xeito detallado en colaboración coas entidades locais e cos colexios oficiais de Traballo Social e de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia.
Tamén demandarán que, unha vez determinada a poboación soa mediante esa “radiografía” dos fogares da provincia, a Deputación poña en marcha un plan provincial, coa dotación orzamentaria suficiente, para entrar en vigor no 2019, ó que se adhiran os concellos interesados, con medidas concretas de promoción da autonomía persoal e prevención da dependencia en persoas que vivan soas.
Segundo explican os socialistas, as cifras do Instituto Nacional de Estatística (INE) falan por si mesmas. Do millón de fogares rexistrados en Galicia o ano pasado, preto de 267.000 están integrados por unha soa persoa, e desta cifra, uns 122.000 corresponden a persoas de 65 anos ou máis, sendo 19.874 persoas maiores de 64 anos as que viven soas na provincia de Ourense. O problema non é exclusivo de Galicia e, de feito, recentemente acabamos de saber pola prensa que no Reino Unido, a primeira ministra británica, Theresa May, anunciou a creación dunha secretaría de estado para tratar este problema.
Os deputados provinciais ourensáns cren que “é hora de tomar decisións para detectar os problemas que afronta cada día este segmento de poboación: saúde, alimentación, hixiene, doenzas, acompañamento ou trastornos xeracionais” co fin de “tentar resolver na medida do posible as súas carencias”. Este problema de soidade, que nas últimas datas está a deixar un gran número de accidentes, problemas e mortes, agrávase, en moitos casos, ante a inacción da Administración Pública, a causa das listas de agarda nos concellos da nosa provincia tanto para o recoñecemento da situación de dependencia coma para que efectúe a intervención, unha vez recoñecida, son alarmantes.
O PSdeG-PSOE da Deputación destaca que “a institución provincial ten entre os seus mandados, a colaboración cos concellos, especialmente cos que non teñan persoal suficiente para diagnosticar persoas con problemas derivados da soidade” veciños e veciñas dos que en moitos casos “a administración mais achegada, o concello, nada sabe da súa situación”. E, por iso é imprescindible ter unha “radiografía” por núcleos de poboación, para diagnosticar que tipo de servizo é necesario implantar en cada territorio: teleasistencia, axuda no fogar, comida a domicilio, servizos de limpeza, acompañamento, talleres especializados, horarios de visitas veciñais, actividades terapéuticas, etc.

