INICIATIVAS SERVIZOS PÚBLICOS

O baltarismo oponse á iniciativa socialista para axudar á persoas que viven soas

Ourense. Luns 26 de febreiro de 2018. Durante o último pleno da Deputación Provincial, o PP tombou unha iniciativa socialista para implementar melloras nos servizos de atención ás persoas que viven soas na provincia. E que o PSdeG-PSOE reclamou ó pleno a implicación da Deputación, ante o alarmante incremento de accidentes e desgrazas entre persoas que viven soas, un problema crecente. A moción rexeitada polo PP –que volveu facer uso do seu rolete para aprobar unha enmenda de seu– reclama un informe no que se recolla o censo de persoas soas de todos os municipios, de xeito detallado en colaboración coas entidades locais e cos colexios oficiais de Traballo Social e de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia. Tamén demanda que, unha vez determinada a poboación soa mediante esa “radiografía” dos fogares da provincia, a Deputación poña en marcha un plan provincial, coa dotación orzamentaria suficiente, para entrar en vigor no 2019, ó que se adhiran os concellos interesados, con medidas concretas de promoción da autonomía persoal e prevención da dependencia en persoas que vivan soas.

A deputada e viceportavoz, Elvira Lama, defendeu que “é hora de tomar decisións para detectar os problemas que afronta cada día este segmento de poboación: saúde, alimentación, hixiene, doenzas, acompañamento ou trastornos xeracionais” co fin de “tentar resolver na medida do posible as súas carencias” e recordou que “a institución provincial ten entre os seus mandados, a colaboración cos concellos, especialmente cos que non teñan persoal suficiente para diagnosticar persoas con problemas derivados da soidade” veciños e veciñas dos que en moitos casos “a administración mais achegada, o concello, nada sabe da súa situación”.