Denuncias Infraestruturas

Os socialistas demandan melloras na pésima xestión de Manzaneda

O PSDEG-PSOE DEMANDA Á XUNTA E Á DEPUTACIÓN QUE SUBSANEN AS DEFICIENCIAS NA ESTACIÓN DE MANZANEDA E QUE ESIXAN Á EMPRESA XESTORA QUE CUMPRA COAS SÚAS OBLIGACIÓNS

Os socialistas levan semanas recollendo un sinfín de queixas pola falta de mantemento das instalacións e pola mala xestión da empresa, polo que van levar iniciativas ás institucións responsables

Fraga recordou que Xunta e Deputación están enfrontadas –Feijóo quere sacar a concurso a xestión e Baltar négase–, polo que van reclamar explicacións para aclarar responsabilidades

 Ourense, 13 de abril de 2018. O PSdeG-PSOE demanda á Xunta e á Deputación de Ourense, accionistas maioritarios de Meisa (Manzaneda estación invernal SA), que emenden as vergoñentas deficiencias nas infraestruturas da estación de montaña de Manzaneda e que esixan á empresa xestora –Oca Hoteles– que cumpra coas súas obrigacións nos servizos. Os socialistas levan semanas recollendo un sinfín de queixas de usuarios e usuarias (aquí hai algúns exemplos das queixas) pola falta de mantemento das instalacións, e pola mala xestión da empresa, á que lle regalaron as accións que logo revendeu, en servizos como o telesilla, o aluguer de esquíes ou a xestión de forfaits. Tras visitar a estación e comprobar in situ a situación, os socialistas acordaron presentar iniciativas no Parlamento de Galicia e na Deputación Provincial para reclamar melloras e aclarar responsabilidades.

rolda_prensa_manzaneda
Miguel Bautista, Francisco Fraga e Raúl Fernández durante a rolda de prensa

O portavoz, Francisco Fraga, asegurou que “queremos saber quen está obrigado a arranxar estas deficiencias porque descoñecemos cal é a relación contractual coa empresa”. “Demandamos que a Xunta e a Deputación, que son os accionistas maioritarios co 99 % do capital, non miren para outro lado. Queremos saber exactamente as condicións e, se non se cumpren, que se tomen medidas”, detallou o portavoz xusto despois de explicar que xa rexistraron unha batería de preguntas na institución provincial. Fraga tamén recordou que Xunta e Deputación están enfrontadas no tocante a xestión da estación –Feijóo quere sacar a concurso a xestión e Baltar négase–, polo que van reclamar explicacións. “Queremos que ambas administracións se poñan mans á obra e Manzaneda sexa un revulsivo para as comarcas do oriente ourensán”, insistiu.

O deputado e alcalde de Petín, Miguel Bautista, denunciou a numerosísimas queixas que usuarios e usuarias están a facer nas redes sociais desde hai semanas, sobre a deficiente xestión das instalacións a pesar de ser unha tempada de moita neve. Mesmo salientou como veciños e veciñas de Valdeorras protestaron persoalmente. “Hai deficiencias vergoñentas como as escadas destrozadas que levan ó restaurante ou o peche total de estación a pesar de haber neve, e iso non é por culpa de tempo; é por unha absoluta falta de mantemento e de interese”, dixo o deputado. Bautista tamén recordou que “Manzaneda ten moitas posibilidades para outras actividades, pero que non se se aproveite cando hai neve, é vergoñento. Para as comarcas de Trives e Valdeorras é un revulsivo e está moi desaproveitado”.

Pola súa banda, o deputado autonómico, Raúl Fernández, afirmou: “Cremos que hai que tomar medidas porque o presidente da Xunta dixo que esta ía ser a lexislatura do rural, e que mellor exemplo que desenvolver plenamente todas as posibilidades da única estación de montaña de Galicia”. Fernández destacou que van presentar iniciativas no Parlamento galego e recordou que “os usuarios se están vendo lastrados por unha deficiente xestión. Isto produce inseguridades entre potenciales usuarios e usuarias, a anulación nos hospedaxes da estación e na comarca e, sobre todo, unha mala propaganda mediante o boca a boca”.

O PSdeG-PSOE recorda que a empresa Oca Hoteles accedeu en 2012 á xestión da única estación de montaña de Galicia a dedo, grazas a un acordo privado coa Xunta, no que lle regalaron todas as accións de Novagalicia Banco (37 %), por 1 euro. Ademais, esta entidade financieira rescatada con 9.000 millóns públicos, concedeulle a sociedade hoteleira 3 millóns para investimentos na estación. En 2015, a Deputación de Ourense volveu ó accionariado de Meisa comprándolle a Oca Hoteles as accións que previamente lle foran regaladas. E, un ano despois, chegado o momento de asumir outra importante inversión para a viabilidade da estación –novo sistema de innivación– a empresa xestora evitou asumir a parte da inversión que lle correspondía porque non acudiu á ampliación de capital de 3 millóns, aportada integramente pola Xunta e a Deputación.