DEREITOS SOCIAIS POLÍTICA PROVINCIAL

O teatrillo da Deputación coa igualdade, ó descuberto

O GOBERNO DE BALTAR E O PP DE OURENSE EVIDENCIAN O SEU TEATRILLO COA IGUALDADE Ó NEGAR UNHA AUDITORÍA SALARIAL NA DEPUTACIÓN A PESAR DE DE ADHERIRSE Á FOLGA FEMINISTA

 Susana Rodríguez asegurou que “non pedimos cousas de outro mundo porque son medidas efectivas” antes de denunciar que o rexeitamento do PP evidencia que “non teñen ás mulleres entre as súas prioridades”

Ourense, 23 de marzo de 2018. O PSdeG-PSOE denuncia o teatrillo coa igualdade de Manuel Baltar e do PP de Ourense, ó negarse a aceptar a elaboración dunha auditoría salarial na Deputación, a pesar de que apoiaron, mediante unha declaración institucional, a folga feminista do pasado oito de marzo. O pleno da institución rexeitou a proposta socialista para levar a cabo esta medida, concreta e eficiente, que permitiría analizar se existe fenda de xénero nas retribucións do persoal público provincial. Unha vez máis, os conservadores aproveitaron o seu rolete da maioría para presentar unha enmenda que traslada a responsabilidade ó Goberno central. A moción pretendía poñer o foco nas desigualdades e contrastar se o feminismo predicado por Baltar é real. “Baltar deixa claro que non quere que lle fagamos a proba do algodón as súas palabras e que o seu compromiso coa igualdade é puro teatro”, denuncian.

A auditoría sobre as diferencias salariais non é a única acción que o PSdeG-PSOE reclamaba ó goberno de Baltar. Tamén se propoñía que a deputación inclúa nas cláusulas dos pregos das súas contratacións, puntuación extraordinaria para aquelas empresas que demostren e cumpran as obrigas en materia de igualdade salarial. Así mesmo impulsaba un convenio ó que os concellos da provincia se poidan adherir, para recibir asistencia e cooperación co fin de implementar auditorías de xénero en materia salarial. Igualmente instaba ó Congreso e ó Goberno do Estado para que aprobe, desenvolva e dote a Lei de Igualdade Salarial que reforce a actuación da Inspección de Traballo e da Seguridade Social, así como que impoña a obriga empresarial de dispor dun rexistro actualizado de retribucións desagregadas por sexo.

A viceportavoz, Susana Rodríguez, asegurou que “non pedimos cousas de outro mundo porque son medidas claras e efectivas” antes de denunciar que o rexeitamento do PP evidencia que “non teñen ás mulleres entre as súas prioridades”. A deputada recordoulle ó PP que a oposición provincial “non foi convidada a participar na elaboración do plan de igualdade do que presumen, plan que, nos seus epígrafes, non alude en ningún momento ó estudo das diferenzas salariais”. Rodríguez tamén lembrou que a proposta socialista que foi rexeitada polos conservadores, inclúe a prestación de axuda ós concellos que, en moitos casos, carecen de recursos, e desta forma, o goberno de Baltar “incumpre a súa obriga de asistir ás entidades locais”. “O papel da Deputación é moi importante porque, como concello de concellos, debe abrir camiño ás entidades locais e, neste sentido, non están a facer nada”, insistiu a viceportavoz tras facer un detallado repaso da precaria situación do mercado laboral feminino.