INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

Propoñemos auditar a igualdade salarial na Deputación

OS SOCIALISTAS QUEREN “FACERLLE A PROBA DO ALGODÓN” Á POLÍTICA DE PERSOAL DE BALTAR E IMPULSAN UNHA AUDITORÍA SOBRE FENDA SALARIAL ENTRE HOMES E MULLERES NA DEPUTACIÓN

Tamén se propón outra medida clave: que a deputación inclúa nos pregos de contratación, puntuación extraordinaria para as empresas que cumpran as obrigas en materia de igualdade salarial

Francisco Fraga afirma que “de nada vale que o goberno provincial do PP se posicione a favor da folga e das políticas feministas para saír na foto se logo, os datos, demostran o contrario”

Ourense, 9 de marzo de 2018. O PSdeG-PSOE quere pasarlle a proba do algodón ó goberno da Deputación de Ourense, logo do apoio do PP á folga feminista mediante unha declaración institucional. E para iso, vai propoñer a elaboración dunha auditoría de xénero en materia salarial, que analice as características de cada un dos postos de traballo desta institución, así como as retribucións percibidas, complementos e xornadas. A moción que será debatida no vindeiro pleno provincial pretende poñer o foco nas desigualdades que sofren as mulleres e contrastar se o feminismo predicado por Baltar é real.

O portavoz dos socialistas, Francisco Fraga, destaca que “é determinante o papel das administracións públicas nesta problemática da discriminación económica que padecen as mulleres” e por iso “debemos ser os primeiros en cumprir estritamente os plans de igualdade e sermos pioneiros en todas aquelas medidas que, de xeito práctico, rematen coa discriminación”. “De nada vale que o goberno provincial do PP se posicione a favor da folga e das políticas feministas para saír na foto se logo, os datos, demostran o contrario e, por iso, queremos facerlle a proba do algodón ás súas políticas de igualdade e persoal”, advirte. Fraga recorda que “no caso da provincia de Ourense, acabamos de coñecer que as mulleres percibiron, de media, uns 3.000 euros menos que os seus compañeiros por un traballo das mesmas características”.

A auditoría sobre as diferencias salariais non é a única acción que o PSdeG-PSOE vai reclamar en materia de igualdade ó goberno de Baltar. Tamén se propón outra medida clave: que a deputación inclúa nas cláusulas dos pregos de condicións das súas contratacións, puntuación extraordinaria para aquelas empresas que demostren e cumpran as obrigas en materia de igualdade salarial entre homes e mulleres. “Esta proposta é moi importante porque non limita a en absoluto a participación nos concursos públicos, pero axuda a concienciar, impulsar e, polo tanto, desenvolver políticas de igualdade no sector privado, onde a implantación destas medidas sofre atrancos moi importantes”, salienta Fraga.

A iniciativa dos socialistas tamén reclama que a Deputación de Ourense poña en marcha un convenio-marco ó que os concellos da provincia se poidan adherir, para recibir asistencia e cooperación co fin de implementaren auditorías de xénero en materia salarial nas súas administracións locais. Igualmente insta ó Congreso e ó Goberno do Estado para que aprobe, desenvolva e dote a Lei de Igualdade Salarial que reforce a actuación da Inspección de Traballo e da Seguridade Social, así como que impoña a obriga empresarial de dispor dun rexistro actualizado de retribucións desagregadas por sexo.