INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

Impulsamos medidas para que a Deputación cumpra a lei de protección de datos

O PSDEG-PSOE LOGRA MEDIDAS PARA QUE O GOBERNO DE BALTAR CUMPRA A NOVA LEXISLACIÓN SOBRE PROTECCIÓN DE DATOS DE CARÁCTER PERSOAL

Os socialistas logran que a Deputación elabore de forma urxente un convenio-marco no que se defina un sistema de cooperación e de prestación de servizos para os concellos

Francisco Fraga asegura que “non temos noticia algunha do goberno de Baltar sobre esta cuestión que xa temos ás portas. E non debemos esquecer que é unha cuestión legal especialmente sensible”

Ourense, 26 de marzo de 2018. O PSdeG-PSOE logrou impulsar durante o pleno da Deputación de Ourense de marzo, medidas para que o goberno de Manuel Baltar cumpra a lexislación sobre protección de datos de carácter persoal. E que a próxima entrada en vigor da nova Lei Orgánica de Protección de Datos de Carácter Persoal (LOPD) –actualmente en tramitación nas Cortes Xerais e cuxo proxecto xa foi publicado polo Boletín Oficial das Cortes– suporá a derrogación da anterior lei do ano 1999. A nova regulación trae consigo importantes cambios e, polo de agora, a Deputación de Ourense non fixo nada nin para adaptarse nin para ofrecer auxilio a moitos dos concellos da provincia que carecen de medios para estas esixencias. A moción foi aprobada por unanimidade de todos os grupos da corporación.

Os socialistas reclaman que a Deputación Provincial elabore de forma urxente un convenio-marco no que se defina un sistema de cooperación e de prestación de servizos, ó que os concellos da provincia poidan acollerse, e que determine en que condicións e que servizos de cooperación prestará ás entidades locais de Ourense para a activación efectiva dos obrigados cambios. A iniciativa vai máis aló –pois estamos a faltar dun tema de importante sensibilidade legal– e, por iso, reclama a posterior realización dunha auditoría para determinar que as entidades locais de Ourense se adaptaron correctamente á nova regulación.

O portavoz provincial, Francisco Fraga, asegura que “a maior parte dos concellos de Ourense son administracións pequenas e con persoal escaso e, polo tanto, carecen de técnicos específicos e persoal adecuado para levar a cabo estas medidas, ás veces moi complexas”. “A día de hoxe non temos noticia algunha da Deputación sobre esta cuestión que xa temos ás portas. E non debemos esquecer que estamos a falar dunha cuestión legal especialmente sensible, xa que os datos de carácter persoal gozan dunha protección preferente”, recorda Fraga antes de afirmar que “esa importancia require dunha actuación da administración tamén preferente e sumaria que permita velar polos intereses máis privados dos ourensáns”.

O portavoz insiste: “no PSdeG-PSOE consideramos fundamental que a Deputación, como concello de concellos e como Goberno Provincial, tome cartas no asunto e auxilie sen demora ás entidades locais da provincia nesta complexa tarefa de formación do persoal e execución de cambios administrativos que xa debería estar en marcha, pois estamos aquí para facer política, pero tamén para prestar servizos a cuestións cidadáns como estas que afectan afectan ó padrón municipal, á información dos servizos sociais, á xestión tributaria ou ás denuncias da Policía Local e outras sancións”.

Fraga destacou durante o pleno que “a súa aplicación levará importantes novidades con especial incidencia no ámbito local, polo que é necesario que as entidades locais da provincia de Ourense, adopten as medidas necesarias para acomodar a súa actividade administrativa á normativa”. Tamén destacou que “a maior parte dos concellos non teñen recursos para levar a cabo este traballo e, por iso, é necesario que o Goberno Provincial tome cartas no asunto.  E concluiu que “os socialistas estamos para facer propostas útiles e agardamos que a Deputación se acorde delas cando faga modificacións de crédito”.

Os cambios na lei española veñen obrigados pola transposición da normativa da UE, aplicable a partir do 25 de maio de 2018, é dicir, dentro de dous meses. Entre esas novas esixencias destacan a incorporación de novos dereitos como o dereito á portabilidade, o dereito ó esquecemento, ou o dereito á limitación do tratamento. Deberase ter en conta que, a partir de agora, o consentimento terá que ser verificable e recollido de forma expresa e inequívoca. Igualmente introdúcense a figura dun responsable e encargado do tratamento e un delegado de protección de datos. A supresión dos tradicionais ficheiros de tratamento e implantación dun novo rexistro das actividades, e a adaptación de formularios e trámites no procedemento tamén forman parte da nova regulación. A obrigación de comunicar determinadas violacións de protección de datos, así como a avaliación do impacto dos trámites con datos persoais, cando sexa probable que comporte un risco para o afectado, son novas medidas, tamén de moito calado.