FONDOS PÚBLICOS INICIATIVAS

Queremos acabar co dedo divino de Baltar

O PSDEG-PSOE RECLAMA QUE A DEPUTACIÓN DESTINE O REMANENTE DE TESOURERÍA A UN PLAN ÚNICO PARA INVESTIMENTOS FINANCEIRAMENTE SOSTIBLES DOS CONCELLOS

Francisco Fraga recorda que “somos a única deputación de Galicia que carece de plan único para que Baltar poda manter o sistema de reparto que máis lle gusta, o dedo divino, que lle permite caciquear”

 Este plan permitiría ós concellos desenvolver investimentos financeiramente sostibles, segundo o estipulado no Real Decreto-Lei 1/2018, logo do acordo alcanzado entre o Goberno central e a FEMP

Ourense, 18 de abril de 2018. O PSdeG-PSOE reclamará no pleno de abril da Deputación de Ourense, que o goberno provincial de Manuel Baltar destine o remanente de tesourería do ano 2017, á creación dun plan único de cooperación e asistencia ás corporacións locais. Os socialistas queren que os 26,4 millóns de euros que a institución provincial garda na hucha, unha vez descontadas as cantidades asignadas á amortización de préstamos e ó conseguinte saneamento, permitan ós concellos da provincia desenvolver investimentos financeiramente sostibles, segundo o estipulado no Real Decreto-Lei 1/2018, logo do acordo alcanzado entre Goberno central e Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

O portavoz, Francisco Fraga, recorda que “desde o grupo socialista levamos tempo reclamando que se nos equipare coas outras 3 deputacións galegas no que a cooperación destinada ós concellos”. “Somos a única deputación de Galicia que carece deste instrumento de financiamento igualitario e, mentres, Baltar segue co sistema de reparto que máis lle gusta, o dedo divino, porque lle permite caciquear”, asevera. O deputado recorda que “dos 80,7 millóns de euros dos que dispón a Deputación de Ourense para este exercicio, so irán os concellos da provincia uns 12 millóns mediante un reparto que dista moito de ser equitativo e igualitario e que unicamente se base en intereses partidistas e pago de favores”.

Os socialistas salientan que a cooperación que, por lei, debe prestar a Deputación ás entidades locais, debería materializarse de xeito equitativo en base a criterios obxectivos, mediante mecanismos de concorrencia en condicións de igualdade, para que todos tivesen as mesmas oportunidades. E, por iso, insisten en que, con cargo a ese avultado remanente de tesourería millonario, debería establecerse unha planificación das actuacións que beneficie a todos os veciños e veciñas da provincia de Ourense, independentemente de onde habiten e de a quen voten.

Fraga destaca que “a Deputación de Ourense é a única das galegas que aínda se sitúa por baixo do 25% do orzamento asignado ós concellos de xeito obxectivo” e recorda que, estes fondos, permitirían os concellos recuperarse da “intolerable asfixia á que os somete o ministro Montoro desde 2012, provocando un carrusel de recortes nos servizos públicos, para poder cumprir coas esixentes regras da Lei de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira e os compromisos coa Unión Europea”. “É moi necesario este plan único, pero sobre todo é de xustiza que Baltar deixe de lado o dedo divino, esquecendo dunha vez por todas as prácticas caciquís no reparto dos fondos públicos que son de todos e todas”.