INICIATIVAS MEDIO AMBIENTE

Un plan consensuado para o Xurés

O PSDEG-PSOE LOGRA QUE A DEPUTACIÓN DE OURENSE SE POSICIONE A FAVOR DUN PLAN REITOR CONSENSUADO PARA O PARQUE NATURAL BAIXA-LIMIA SERRA DO XURÉS, O MAIOR DE GALICIA

Francisco Fraga recorda se trata “dunha zona protexida e habitada e moitos cidadáns afectados aínda non se pudieron acoller ás axudas por estar mal planificadas”

É de especial importancia o consenso con expertos, concellos e afectados para tomar as medidas máis adecuadas ao tratarse do Parque Natural con maior número de habitantes de Galicia.

Ourense, 20 de abril de 2018. O PSdeG-PSOE logrou durante o último pleno da Deputación Provincial oe posicionamento a favor de que o Plan Reitor sobre o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, que está a desenvolver a Xunta, sexa consensuado con concellos, expertos e cidadáns afectados polos incendios do pasado ano. Os socialistas presentaron unha moción para que o pleno de abril se sume á petición de abrir o plan ás partes afectadas dado que o Plan Reitor de Uso e Xestión que foi presentado pola Consellería de Medio Ambiente é unha simple copia do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés e do Plan Director da Rede Natura 2000, non se mencionan cuestións tan importantes a ter en conta coma as previsións de uso, as normas xerais de xestión ou o propio programa económico-financeiro.

Este parque natural é o maior parque natural de Galicia, con case 30.000 hectáreas e representa o 40% do territorio declarado coa figura de parque natural en Galicia. Trátase da zona de Galicia con maiores recoñecementos ambientais: parque natural, zona de especial conservación da Rede Natura 2000, zona de especial protección de aves, parque transfronteirizo e reserva internacional da biosfera da UNESCO xunto co parque nacional portugués de Peneda-Gerés. Ademais é o parque natural que conta cun maior número de habitantes dos seis existentes en Galicia, acollendo máis do 60% da poboación que vive hoxe dentro dos parques naturais galegos.

A viceportavoz, Elvira Lama, asegurou que é fundamental darlle un impulso ó parque cun “apoio decidido” que inclúa a todos os afectados e afectadas, e as opinións dos expertos. “A Xunta debería tomar en serio o plan reitor e non presentar unha copia doutro documento. Non hai mais que ver a diferencia de trato que ten o parque natural na súa parte portuguesa, onde hai moita inversión, para darse conta de que ó Goberno do PP non lle importa a parte galega”, aseverou. E, por iso, denunciou a situación de abandono á teñen sometida esta área, unha das de maior diversidade natural de toda a comunidade. “Por culpa de todo isto, da evidente falta de inversión e dinamización, estamos ante unha das comarcas cos datos demográficos e económicos mais arrepiantes de Galicia”, dixo.

Os socialistas recordan “a poboación da contorna é merecente dunha atención preferente posto que son os propietarios do parque e son os que sofren as limitacións para que os demais poidamos gozar del e, polo tanto, merecen as compensacións ambientais correspondentes conforme á lexislación”. Tamén sinalan que “tampouco se poden tomar a medidas oportunas sen ter en conta os seus medios de vida e a súa tradición cultural”.

Dado o exposto anteriormente o PSOE solicitou “que a elaboración do Plan Reitor de Uso e Xestión se faga dun xeito consensuado cos propietarios do territorio, cos concellos afectados e cos diferentes colectivos implicados na xestión responsable e sustentable do medio ambiente que se preserva neste parque”, solicita, tamén, “que na súa redacción se contemplen todas as zonificacións existentes respectando os usos e costumes da poboación que pertence e vive no parque”. Esixe que “se introduzan os mecanismos económico-financeiros necesarios para atallar as deficiencias anteriormente numerada” e que se “traslade o acordo ó Presidente da Xunta de Galicia e á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia.